Polémica no Parlament ao animar unha deputada a falar en catalán a quen "non pareza catalán"

A oposición cualifica de "supremacistas" as palabras da tamén alcaldesa de Vic, que despois pediu desculpas

O Govern defendeu este mércores no Parlament o programa Non cambies de lingua, que anima os catalanparlantes a seguir falando catalán e non utilizar o castelán cando se dirixan a quen "teña trazos" ou "pareza" que é estranxeiro, ou cren que non entende a lingua catalá.

Anna Erra. YOUTUBEA consellera de Cultura da Generalitat, Mariàgenla Vilallonga, explicouno así en resposta a unha interpelación da deputada do seu mesmo grupo (JxCat) e alcaldesa de Vic, Anna Erra, que a animaba a reafirmar o valor do plan. "É importante que as persoas recentemente chegadas se somen ao catalán, que é unha lingua de acollida e irmandamento", engadiu a consellera.

A intervención de Erra —na imaxe— foi criticada con dureza pola oposición, que cualificou as súas afirmacións de "supremacistas". A deputada e alcaldesa animou os cataláns "autóctonos" a falar en catalán a persoas que "polo seu aspecto físico ou nome non parezan cataláns". Nesa liña, fixo fincapé en que hai xente nacida fóra de Cataluña que quere aprender a lingua, polo que se debe "poñer fin ao costume moi presente en determinadas zonas do país de falar sempre en castelán con calquera persoa que polo seu aspecto físico ou o seu nome non parece catalá".

As palabras da alcaldesa de Vic causaron estupor entre a oposición, en particular no líder do PP en Cataluña, Alejandro Fernández, situado detrás de Erra no hemiciclo. "Cando cres que xa o escoitaches todo, sempre hai algún deputado separatista que supera a miseria", dixo o popular en Twitter.

O grupo parlamentario de Ciudadanos xa rexistrou na Mesa do Parlament unha queixa e unha proposta de resolución coas que quere denunciar a linguaxe "supremacista" de Erra.

Mentres, o deputado do PSC Pol Gibert expresou a súa queixa a través de Twitter: "Por desgraza, aos racistas non se lles identifica polas súas características físicas".

A presidenta do grupo dos comúns, Jéssica Albiach, advertiu de que abrir o debate sobre "quen parece ou non catalán é descoñecer que Cataluña é diversa e mestiza" e engadiu: "É un discurso racista do que todo o mundo se tería que desmarcar".

Tras o rebumbio levantado, Erra publicou unha mensaxe en Twitter lamentado que a súa intervención se "malinterpretase" e pediu desculpas "a quen poida molestar". "Aválame a miña traxectoria política. Como alcaldesa de Vic, sempre traballei e traballarei pola integración e a cohesión social", afirmou a deputada de JxCat.

Comentarios