Golpe ao narcotráfico en Andalucía: 63 detidos, 13 narcolanchas e 12 toneladas de haxix

A Garda Civil tamén se incautou de 634 quilos de cocaína e máis de 12.000 litros de combustible
Narcolanchas intervenidas en esta operación en Andalucía. GUARDIA CIVIL
photo_camera Narcolanchas intervidas nesta operación en Andalucía. GARDA CIVIL

Un total de 12.634 litros de combustible incautados, 13 narcolanchas intervidas e 63 detidos é o balance provisional dunha operación contra o narcotráfico desenvolvida pola Garda Civil en Andalucía. Ademais do combustible e as narcolanchas, os axentes incautáronse de 634 quilos de cocaína e algo máis de doce toneladas de haxix.

Trátase dun amplo operativo, bautizado co nome de Arrow, que comezou o 1 de abril e que agora culminan os axentes do instituto armado, segundo indicaron a Efe fontes próximas á operación.

O obxectivo da operación Arrow é perseguir as redes criminais que operan no litoral andaluz, pero tamén na canle do río Guadalquivir, segundo informou o corpo. Pero sobre todo, golpear a loxística dos narcos, que utilizan pequenas embarcacións para abastecer de combustibles e víveres as embarcacións de alta velocidade que permanecen durante longos períodos de tempo no mar co obxectivo de diminuír o risco de seren interceptadas.

Sobre esta operación pronunciouse en Toledo o director xeral da Garda Civil, Leonardo Marcos, quen valorou que se suma ás recentes desenvolvidas en Galicia e Portugal contra a fabricación de narcolanchas. En declaracións aos xornalistas tras reunirse cos mandos da Garda Civil da zona de Castilla-La Mancha, asegurou que o instituto armado está "moi involucrado" na loita contra o narcotráfico no Estreito e na zona do río Guadalquivir.

A operación continúa aberta coa participación de diferentes unidades da Garda Civil, tanto marítimas como terrestres e aéreas, pertencentes ás comandancias de Algeciras, Almería, Cádiz, Granada, Huelva, Málaga e Sevilla, ao Grupo Marítimo do Estreito, ao Centro de Coordinación e Vixilancia Marítima da Garda Civil, ao Servizo Aéreo e ao Grupo de Acción Rápida.