O Goberno pide que o buque siga buscando en Tenerife e atrase a súa marcha

Está previsto que o Ángeles Alvariño, que xa ampliou dúas veces a súa estancia, suspenda na tarde deste mércores os traballos para intentar localizar a Tomás Gimeno e a súa filla Anna
El buque Ángeles Alvariño en Tenerife. EUROPA PRESS
photo_camera O buque Ángeles Alvariño en Tenerife. EUROPA PRESS

A Delegación do Goberno en Canarias está a realizar xestións para que o buque galego Ángeles Alvariño, que ten previsto suspender na tarde deste mércores a procura de Tomás Gimeno e da súa filla Anna, amplíe uns días máis os rastreos na costa de Tenerife. A familia das pequenas xa solicitara esta semana que se prolongasen os traballos.

Fontes da delegación informaron a Efe do barco xa ampliou dúas veces a súa estancia no arquipélago, tras incorporarse o 30 de maio á procura do home e das súas fillas, Olivia e Anna, desaparecidos o 27 de abril. 

Fontes próximas á investigación confirmaron a Efe que está previsto que sobre as sete da tarde deste mércores o Ángeles Alvariño suspenda a procura e abandone a illa para cumprir outros compromisos.

Os rastreos realizados por este buque do Instituto Español de Oceanografía permitiron atopar o 10 de xuño o cadáver de Olivia, de 6 anos, que se atopaba a mil metros de profundidade no interior dunha bolsa de deporte. Xunto a esa bolsa había outra baleira na que se sospeita que puido estar o corpo de Anna, de 1 ano.

Tras unha parada técnica durante a fin de semana, o barco reiniciou a procura o luns sen que se atopasen novos indicios sobre os desaparecidos.

É a primeira vez que este buque, que dispón dun sónar e un robot submarino, participa na procura de persoas no mar, xa que a súa principal función son as campañas científicas. Nas últimas horas o barco apura a procura na zona de Añaza, e non na bocana do porto de Santa Cruz, onde atoparon o corpo de Olivia.

Comentarios