O Goberno aproba a maior oferta pública de emprego con 44.787 prazas

Máis de 2.906 son para a Policía Nacional e 2.086 para a Garda Civil
Oposiciones. AEP
photo_camera Oposiciones. AEP

O Goberno aprobou "a maior oferta pública de emprego da historia" mediante a que ofertará este ano 44.787 prazas no seu obxectivo de fortalecer as políticas públicas, algo que "non pode facer se a Administración non conta con efectivos necesarios". 

Segundo explicou a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, o Consello de Ministros aprobou este martes esta oferta pública de emprego, con 34.151 prazas ordinarias, ás que se suman as 10.637 prazas do plan de estabilización do emprego temporal. 

Dentro da oferta de emprego ordinaria, explicou Montero, 15.800 prazas serán de acceso libre e 9.591 para promoción interna e o obxectivo do Goberno é que estean aprobadas antes de que finalice o ano. 

As 34.151 prazas ordinarias son un 12,17 % máis respecto da oferta de emprego público de 2021, e sumada ás catro anteriores efectuadas con Pedro Sánchez como presidente do Goberno, suman 143.869 novas prazas públicas, un 126 % superior á dos gobernos conservadores previos (2012-2017). 

Respecto das 10.637 prazas do plan de estabilización, a ministra engadiu que 4.692 serán para a Administración Xeral do Estado e 5.945 para o persoal de Xustiza, unha convocatoria coa que o Goberno cumpre co compromiso adquirido coa Unión Europea para a redución da temporalidade no emprego público. 

Trátase dunha oferta de emprego público "ambiciosa" que ademais se acordou cos sindicatos no seo da Mesa Xeral de Negociación que tivo lugar este luns, indica o ministerio nun comunicado, no que recorda que é a primeira vez que isto ocorre desde 2018. 

Segundo este plan para atallar a temporalidade pública, "antes de xuño de 2022 todas as administracións temos que publicar as ofertas públicas de estabilización do emprego temporal, non só a Administración Xeral do Estado, tamén as comunidades autónomas e concellos", dixo Montero. 

Así mesmo, estas ofertas deberán convocarse antes de decembro deste ano, co obxectivo de que os procesos estean terminados e as prazas adxudicadas antes do 31 de decembro de 2024, engadiu. 

POLICÍA E GARDA CIVIL. Para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado convocáronse 4.992 prazas (4.342 de acceso libre e 650 de promoción interna). En concreto 2.906 para a Policía Nacional e outras 2.086 para a Garda Civil. A oferta de emprego público inclúe outras 1.084 novas prazas de Institucións Penais e 57 para a Dirección Xeral de Tráfico (DXT). 

Segundo Interior, con esta oferta de emprego público son xa 18.872 as prazas convocadas para a Policía Nacional e a Garda Civil desde 2019: 4.816 prazas ofertadas aquel ano, 4.645 en 2020, 4.419 en 2021 e as 4.992 aprobadas este martes. 

Todas estas convocatorias aplicaron taxas de reposición superiores ao 100 por cento, o que permitiu recuperar parte dos efectivos perdidos por ambos os corpos en anteriores lexislaturas. 

De acordo aos datos de Interior, en 2017 había 142.072 efectivos, a cifra máis baixa desde 2011 tras unha perda de 13.077 prazas en seis anos. O pasado 31 de decembro de 2021, entre Policía Nacional e Garda Civil sumaban xa un total de 151.719 efectivos.

INSTITUCIÓNS PENAIS E DXT. Ademais das convocatorias de novas prazas para Policía Nacional e Garda Civil, o Consello de Ministros aprobou a oferta global de emprego público da Administración Xeral do Estado para 2022, que inclúe a convocatoria de 1.084 novas prazas de funcionarios adscritos á Secretaría Xeral de Institucións Penais. 

A maioría destas prazas, 900, corresponde ao Corpo de Axudantes de Institucións Penais. O resto distribúese en 60 prazas para o Corpo Superior de Técnicos, 40 para a Sanidade Penal, 24 prazas de enfermería e outras 60 no Corpo Especial de Institucións Penais. 

Para rematar, a oferta de emprego público para a Administración Xeral do Estado inclúe a convocatoria de 57 novas prazas a Dirección Xeral de Tráfico (DXT): 50 administrativos coa especialidade de Tráfico, cinco técnicos superiores e dous estatísticos. 
 

XUSTIZA. A Administración de Xustiza crece en 1.732 prazas, ás que hai que sumar as cinco novas prazas para o Consello Xeral do Poder Xudicial, detallou o ministerio. 

O ministerio engade que o 61,05% do emprego público destínase a tres das políticas máis relevantes do Executivo: a cohesión social e servizos á cidadanía (27,53 % da OEP); a economía verde e sostible (18,95 %) e a transformación dixital e innovación (14,57 %). 

Ademais, inclúense 3.267 prazas STEM (ciencia, tecnolóxica, enxeñería e matemáticas), un 3 % respecto das prazas deste tipo ofertadas en 2021. 

A estas dúas ofertas, a ordinaria e a de estabilización, hai que engadir outras 18.149 prazas correspondentes ás taxas de reposición ordinaria e de estabilización xa aprobadas para as empresas e entidades do sector público institucional estatal tras o proceso de coordinación e seguimento iniciado o pasado 23 de febreiro.

Comentarios