Gallardón:''O respecto do PSOE ás mulleres é cesar ministros por rapazas con glamour''

O ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, dixo que o respecto do PSOE polas mulleres consiste en cesar "aos ministros por mozas con glamour".

Gallardón fixo esta acusación ante o pleno do Congreso en resposta á deputada socialista Elena Valenciano quen lle preguntou se cre que o Goberno debe protexer a liberdade das mulleres, en referencia á modificación da lei do aborto, e pediulle que respecte a decisión das mulleres.

O titular de Xustiza aproveitou a intervención de Valenciano sobre o respecto ás mulleres para facer referencia a unhas declaracións do exministro de Cultura, César Antonio Molina, a El País nas que aseguraba que, cando o cesou, Zapatero díxolle que "necesitaba unha moza nova e con glamour".

O PSOE "nunca protexeu a liberdade das mulleres porque a primeira liberdade que hai que protexer é a independencia" e dixo que durante o mandato socialista máis dun millón de mulleres perderon o seu emprego e, por conseguinte, "tamén a súa independencia e a súa liberdade".

Valenciano centrou na lei do aborto a súa última intervención no pleno como deputada do Congreso xa que, tras as eleccións europeas do próximo día 25, iniciará a súa traxectoria política como parlamentaria europea.

Recordoulle ao ministro que, se esta entra en vigor, o 90 % das mulleres que interrompen o seu embarazo non poderán facelo legalmente.

As súas opcións serán, sinalou, "o aborto clandestino, a maternidade forzada ou a hipócrita viaxe fóra de España", e recordoulle que está demostrado que "as leis restritivas de aborto non restrinxen o número de abortos senón o numero de abortos seguros".

Comentarios