A galega Nadia Calviño retira a súa candidatura para dirixir o FMI

A ministra de Economía en funcións apártase da carreira tras unha primeira votación sen un gañador claro
La gallega Nadia Calviño. FERNANDO ALVARADO
photo_camera A galega Nadia Calviño. FERNANDO ALVARADO

A ministra de Economía en funcións, a galega Nadia Calviño, explicou que a retirada da súa candidatura á dirección do Fondo Monetario Internacional (FMI) foi decidida polo Goberno español logo dunha primeira votación entre os países membros da UE da que non saíu un claro gañador.

"Tras unha primeira votación vimos a situación e o presidente decidiu que eu non participarei para que canto antes poida haber un candidato único, un excelente candidato que manteña para Europa a dirección do FMI", afirmou Calviño na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

A ministra dixo que foi "unha honra e unha satisfacción" estar na lista curta "con persoas de indubidable valía e traxectoria recoñecida", en referencia aos tres candidatos que entón se mantiñan en liza: o expresidente holandés do Eurogrupo Jeroen Dijsselbloem; o gobernador do banco central finlandés, Olli Rehn, e a directora executiva do Banco Mundial, a búlgara Kristalina Georgieva. Finalmente Olli Rehn tamén retirou a súa candidatura.

A coruñesa insistiu en que España sempre quere contribuír a que se formen consensos e que a prioridade é que a UE conserve a dirección do FMI.

Calviño destacou que a liña a seguir para España é que o país teña a representación que lle corresponde e que conte "con voz" en Europa e nas institucións internacionais para contribuír a mellorar e reforzar a gobernanza multilateral.

O prazo de recepción de candidaturas no FMI finaliza o 6 de setembro e ese organismo, que desde a súa creación en 1945 sempre estivo liderada por un europeo, aspira a completar o proceso o 4 de outubro co anuncio formal do seu novo director xerente.

Comentarios