Foro Asturias, PP e Vox forzarán unha votación no Congreso para rexeitar a protección do lobo

O texto que presentarán solicita traballar na elaboración dunha nova Estratexia de Conservación e Xestión do Lobo en España
Un lobo. AEP
photo_camera Un lobo. AEP

Foro Asturias, PP e Vox pactaron un texto que será sometido este xoves a votación no pleno do Congreso para que a Cámara Baixa inste o Goberno a reconsiderar a súa decisión de incluír todas as poboacións de lobo no Listado de Especies Silvestres de Réxime de Protección Especial (Lespre), o que na práctica suporía a prohibición de cazalo en toda España.

Ademais, a iniciativa pide que se traballe en Europa para que a especie tamén sexa considerada cinexética ao sur do Douro. 

A iniciativa é resultado da negociación do texto da moción consecuencia de interpelación defendida este martes por Foro Asturias e as emendas presentadas á mesma por PP e Vox, que coinciden en solicitar ao Executivo, non só non incluír as poboacións de lobo ao norte do Douro no Lespre, senón reverter esta protección que xa reciben actualmente as poboacións ao sur do Douro, que non se poden cazar. 

Concretamente, no texto pactado o Congreso declara o seu apoio incondicional á gandería extensiva de especial transcendencia para a supervivencia do mundo rural e a protección das actividades socioeconómicas que deben convivir co lobo e insta o Goberno a reconsiderar a decisión de strong <>incluír á especie no Lespre, xa que esta medida podería pór en grave risco a viabilidade de moitas explotacións gandeiras e a pervivencia do mundo rural.

Así mesmo, pídelle renunciar a ditar a orde ministerial para a inclusión de toda a poboación do lobo no Lespre, e manter xa que logo o status actual de protección e xestión da especie.

Igualmente, reclama recuperar a vontade de consenso institucional entre a Administración do Estado e os representantes das comunidades autónomas na Comisión de Patrimonio Natural, que o pasado 4 de febreiro decidiu modificación do status sobre o lobo nunha apertada votación que contou co rexeitamento das rexións que contan co 95 por cento das poboacións de lobo: Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria.

Tamén esixe que se respecten as competencias das comunidades autónomas, e singularmente das mencionadas, e elaborar de común acordo os cambios na estratexia de xestión e conservación do lobo.

Así mesmo, pide abrir inmediatamente un espazo de diálogo cos sindicatos e organizacións representativas do sector agrogandeiro e do medio rural para tratar de alcanzar puntos de entendemento en materia preventiva dos ataques do lobo e indemnizacións, cun financiamento específico adicional que non detraiga fondos do sector primario.

Tamén solicita traballar na elaboración dunha nova Estratexia de Conservación e Xestión do Lobo en España, que substitúa a vixente de 2005, desde a plena lealdade institucional e coa participación dos representantes dos sectores interesados: Administracións, gandeiros, propietarios de terreos, expertos, conservacionistas e científicos.

Á vez, quere que se defendan os valores culturais, científicos e ecolóxicos do lobo, e facelos compatibles co actual status legal da especie. "Eses valores e o obxectivo de conservar a especie son a pedra angular dos plans de xestión das comunidades autónomas", asegúrase na iniciativa.

E, finalmente, require que se retomen as negociacións que viñera desenvolvendo o Goberno do PP en Europa no sentido de reinterpretar a Directiva Hábitat para unificar a xestión e protección de toda a poboación do lobo español como no norte do Douro, é dicir, con xestión cinexética, "única garantía demostrada de compatibilidade e supervivencia tanto do lobo, como do gando, en todo o territorio nacional". á súa vez, pide ao Executivo promover a modificación desta directiva para permitir o control cinexético do lobo ao sur do río Douro. 

Comentarios