A Fiscalía pide imputar a Francisco González polos contratos do BBVA con Villarejo

O xuíz debe decidir agora se inclúe o chantadino González entre os exdirectivos investigados
Francisco González. EFE
photo_camera Francisco González. EFE

A Fiscalía Anticorrupción pediu citar como investigado o expresidente do BBVA Francisco González no caso Villarejo despois de que o xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castellón decidise en xullo imputar á entidade bancaria como persoa xurídica.

Segundo confirmaron fontes xurídicas e adiantou El Mundo, a Fiscalía pediu a imputación do chantadino á vista da investigación aberta ao BBVA na peza 9 desta causa, na que se indaga sobre as presuntas contratacións do banco a Villarejo desde 2004, cando a construtora Sacyr iniciou un movemento para tratar de tomar o control do grupo bancario, que finalmente non tivo éxito.

Anticorrupción solicita que se cite tamén a declarar como investigados a Asúa e Arbizu e programe data para a declaración do banco 

Cando o xuíz imputou á entidade os delitos de suborno, descubrimento e revelación de segredos e corrupción nos negocios, citouna para o 24 de setembro, data que despois pospuxo ao 10 de outubro e será previsiblemente a semana que vén cando compareza un representante legal do banco. 

García Castellón, titular do xulgado central de instrución número 6 da Audiencia Nacional, sospeita que "a cúpula" do BBVA consentiu a contratación do comisario xubilado para tarefas de información e espionaxe, en vista do "beneficio persoal e empresarial" que lle podían reportar. Ao imputalo, considerou necesario determinar se o banco puxo en marcha medidas para evitar o delito ou se, pola contra, "a ausencia de mecanismos de control" e "a tolerancia con prácticas contrarias á boa fe empresarial" foron "medios dos que o banco puido terse valido para facilitar a contratación" de Villarejo.

As pescudas no caso Villarejo derivaron na renuncia en marzo de Francisco González como presidente de honra do BBVA

En concreto, en relación ao delito de corrupción nos negocios, a investigación persegue aclarar se o BBVA contribuíu a manter as relacións con Villarejo en beneficio propio ou se a presunta corrupción dalgún dos seus directivos "pode considerarse como prexudicial para a sociedade".

O xuíz debe decidir agora se inclúe a González entre os exdirectivos investigados na peza número 9 do caso Tándem sobre as contratacións por valor de varios millóns do banco a Cenyt, empresa do excomisario que presuntamente espiaría unhas 15.000 chamadas telefónicas de políticos, xornalistas, banqueiros e empresarios.

Precisamente, as pescudas no caso Villarejo derivaron na renuncia en marzo de Francisco González como presidente de honra, tras deixar en decembro de presidir a entidade.

Francisco González reafirma a súa plena disposición a colaborar coa xustiza
O expresidente de BBVA reafirma a súa plena disposición a colaborar coa xustiza, logo de coñecerse que a Fiscalía Anticorrupción pediu citalo como investigado no caso Villarejo. Nun comunicado remitido este mércores, o exbanqueiro recorda que xa en xullo pasado asegurou que desde que se abriu a peza BBVA, estivo "máximamente interesado en colaborar coa xustiza, coa maior transparencia e obxectividade". 

FG, como se lle coñece no mundo financeiro, reivindica que en maio de 2018, en canto tivo coñecemento pola prensa de que BBVA contratara á empresa Cenyt, vinculada ao excomisario Villarejo, impulsou unha investigación interna.

A reacción do veterano banqueiro prodúcese apenas unhas horas despois de que transcendese que a Fiscalía pedía a súa imputación por delitos de suborno e de descubrimento e revelación de segredos á vista da investigación aberta ao BBVA na peza 9 da causa.

Comentarios