A Fiscalía Anticorrupción pide imputar o BBVA polo caso Villarejo

Ve indicios de cohecho, revelación de segredos e corrupción nos negocios
El excomisario Villarejo. AEP
photo_camera O excomisario Villarejo. AEP

A Fiscalía Anticorrupción solicitou ao xuíz do caso Villarejo que impute o BBVA por cohecho, revelación de segredos e corrupción nos negocios polos servizos que contratou do excomisario José Villarejo. Opúxose á petición do banco de presentarse como prexudicado.

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castellón deberá agora decidir se imputa a entidade bancaria como persoa xurídica dentro da peza do caso na que investiga a espionaxe supostamente encargada ao excomisario en 2004, ante unha Opa hostil de Sacyr, e que se prolongou ata 2017.

Nun comunicado, a Fiscalía informa de que esta petición se produciu logo de analizar a documentación en papel e dixital incautada nos rexistros practicados en novembro de 2017 dentro da operación Tándem, así como os documentos achegados polo propio BBVA.

Segundo o ministerio público, todos eles acreditarían que os pagos "ilícitos" á empresa de Villarejo, Cenyt, "afectaron a varias áreas sensibles do banco e a diversos executivos da entidade durante un prolongado período temporal" e producíronse cando Villarejo estaba aínda en activo na Policía Nacional.

Describe tamén as accións que serían constitutivas dos tres delitos que atribúe ao banco e require ao xuíz que pida á entidade que designe unha persoa que a represente e compareza no seu nome.

Así, explica que o delito de cohecho activo imputaríase porque as contratacións a Villarejo tiveron como obxecto "múltiples servizos de intelixencia e de investigación de natureza patrimonial e carácter ilícito" cando aínda era policía en activo e, polo tanto, o seu cargo era incompatible con estes labores.

Os "múltiples" delitos de descubrimento e revelación de segredos derivarían da información á que conseguiu acceder Villarejo de xeito ilegal para achegar ao BBVA, que supón, segundo a Fiscalía, "unha reiterada inxerencia nos dereitos fundamentais das persoas mediante seguimentos persoais e acceso ás súas comunicacións ou á súa documentación bancaria".

Finalmente, o delito de corrupción nos negocios (ou entre particulares) púidose producir porque, segundo Anticorrupción, algún dos directivos do BBVA investigados "tería percibido dádivas da contorna do Grupo Cenyt pola facilitación de tales contratacións".

INVESTIGADOS. Esta petición prodúcese logo da comparecencia como investigados a unha decena de cargos actuais e pasados da entidade, entre eles o exconselleiro delegado Ángel Cano e o exxefe de seguridade Julio Corrochano, ao que impuxo unha fianza de 300.000 euros para non entrar en prisión que xa abonou.

Case todos eles se acolleron ao seu dereito a non declarar por estar secreta a causa e o xuíz ten previsto citalos de novo cando levante o secreto destas dilixencias, segundo informaron a Efe fontes xurídicas. Apuntan que a maior parte dos investigados manifestaron o seu interese en colaborar coa Xustiza no momento en que se levante o secreto desta peza, o número 9 do chamado caso Tándem.

Comentarios