A Fiscalía mantén a acusación sobre os humoristas de 'El Jueves'

A Fiscalía da Audiencia Nacional acusará finalmente ó debuxante Guillermo Torres e ó guionista Manel Fontdevila polos delitos previstos nos parágrafos 1 e 2 do artigo 491 do Código Penal, nos que se establecen multas por inxuriar ó sucesor da Coroa ou empregar a súa imaxe co fin de desprestixiala.

Tralo paso dado pola Fiscalía, prevese que o xuíz dea por finalizada a instrución do caso e, no caso de incoar o procedemento, sinale a data para a celebración do xuízo ante o Xulgado Central do Penal.

Durante a súa comparecencia de onte, os dous humoristas gráficos da revista 'El Jueves' sinalaron que nunca tiveron a intención de ofender e que elixiron esta parella por considerala “representativa da sociedade española”.

Apoios dende Galicia
Del Olmo ordenou o pasado venres o secuestro do último número desta revista satírica, en cuxa portada aparecía unha caricatura dos Príncipes de Asturias nunha situación que a Fiscalía considerou que lles representaba “en actitude claramente denigrante”.

Esta situación xerou múltiples apoios dentro do mundo do xornalismo e do humor gráfico, ó que se engade a Asociación Galega de Profesionais de Ilustración (AGAPI) que considera as medidas adoptadas como “un ataque insólito e inaceptable á liberdade de expresión”. Ó mesmo tempo afirman a súa solidariedade cos traballadores da revista e o desexo de que “se restableza a normalidade”.

Comentarios