Feijóo advirte a Ferroatlántica de que "ninguén pode ameazar a unha administración pública por cumprir a lei"

Advirte que a Xunta sempre puxo sobe a mesa que a empresa "cumprise a lei" e dese garantías de "mantemento do emprego"
Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este venres a denegación a Ferroatlántica da solicitude para segregar as súas actividades recordando que un goberno "non pode autorizar o incumprimento dunha lei" e advertíndolle á empresa de que "ninguén pode ameazar a unha administración pública por cumprir a lei".

Así o dixo, na rolda de prensa con motivo do Consello da Xunta, a preguntas dos medios de comunicación en relación ás advertencias realizadas por Ferroatlántica tras coñecer a decisión, sobre as consecuencias que esta denegación terá para o emprego e o investimento en Galicia.

Núñez Feijóo explicou que a Xunta non pretende "enganar a ninguén" e que sempre puxo sobe a mesa, incluso "desde antes de presentar o expediente", a necesidade de que a solicitude da empresa "cumprise a lei" e dese garantías de "mantemento do emprego e da actividade industrial".

"Esa folla de ruta non variou", subliñou o presidente galego, para quen, "lamentablemente" e de acordo cos servizos xurídicos, o expediente presentado por Ferroatlántica "non cumpre a lei" e non outorga garantías "suficientes" para demostrar un compromiso co emprego e coa actividade industrial na zona. "E como non se axusta, tivo que ser denegada", resumiu.

"Non se pode autorizar, por parte dun goberno, o incumprimento dunha lei", dixo Feijóo, para quen, a administración que o faga debería "dar contas ante os tribunais".

Baixo a premisa da "primeira e fundamental limitación" que supón o "cumprimento da lei", Núñez Feijóo deixou no entanto a porta aberta a "seguir dialogando" con Ferroatlántica para que "os seus intereses axústense" á legalidade.

Comentarios