
Ignacio Echeverría, o madrileño de orixe galega que foi un dos heroes dos atentados de Londres, é unha das vítimas mortais, segundo confirmou a súa irmá en Facebook á primeira hora da tarde deste mércores.
"Ignacio non sobreviviu ao momento do atentado. Grazas a todos os que o quixestes e coidastes. Sabemos que non somos os únicos tristes. Queremos ver e estar co corpo de Ignacio. Parece que ata o venres como pronto non podemos estar co seu corpo. Quereriamos que o Goberno Británico nos permita estar con el... Grazas ao persoal administrativo e político español pola súa axuda en facer isto posible", indicou a súa irmá na rede social.
Finalmente, parece que a familia de Ignacio si poderá ver este xoves o seu corpo, ás 9.00 horas do Reino Unido, segundo informaron a Europa Press fontes do Ministerio de Asuntos Exteriores. "As familias das vítimas son vítimas eles mesmos e teñen dereito a ver ao seu fillo canto antes", afirmou o ministro Alfonso Dastis este mércores, cando expresou a súa "profunda consternación e tristeza pola confirmación do falecemento" de Ignacio Echeverría e rendeu homenaxe á súa "valentía", posto que se xogou a vida correndo a tratar de axudar a persoas inocentes".
A angustia da familia durou catro días, nos que as autoridades británicas non foron capaces de precisar o que lle sucedeu nin se estaba entre as vítimas e os feridos do atentado perpetrado o pasado sábado por tres terroristas. Tiña 39 anos e no momento do ataque, cando volvía de patinar co seu monopatín, axudou a unha muller que estaba a ser atacada.
Echeverría naceu en Ferrol e residiu nas Pontes xa que o seu pai traballaba para Endesa. Era avogado de profesión e amante do deporte. Foi visto por última vez con vida no lugar dos atentados, nos que outras sete persoas morreron e 48 persoas resultaron feridas, despois de que tres individuos arroiasen co seu vehículo a un numeroso grupo de persoas na ponte de Londres, antes de dirixirse a un próximo distrito de lecer, onde apuñalaron a varias persoas antes de ser abatidos pola Policía.
Desde entón, tanto a familia como o Goberno español envorcáronse para tratar de ter información sobre o seu paradoiro, ante a prudencia de Reino Unido á hora de identificar aos falecidos no atentado.
MEDALLA. O ministro de Asuntos Exteriores avanzou que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, pediu que se lle outorgue a Medalla ao Mérito Civil a título póstumo para recoñecer o valor que demostrou ao encararse co terrorista que acoitelaba a unha muller.