Falece unha terceira vítima da explosión de Tarragona

Protección Civil da Generalitat denuncia que a empresa química non avisou da urxencia
La planta petroquímica está prácticamente destruida. EP
photo_camera A planta petroquímica está practicamente destruída. EP

Un dos feridos máis graves da explosión na industria química de Tarragona faleceu finalmente este mércores no Hospital Vall d'Hebron de Barcelona, no que ingresou en estado crítico con queimaduras no 80% do seu corpo. Deste xeito, son xa tres as vítimas mortais do accidente na petroquímica e posterior incendio, e aínda permanece moi grave outro dos traballadores afectados pola deflagración dun reactor na empresa de tratamento de óxido de etileno Iqoxe. Os outros dous falecidos son un compañeiro seu —que nun principio se deu por desaparecido e foi atopado sen vida este mércores— e un veciño do barrio de Torreforta que pereceu despois de que un ferro metálico voase 2,3 quilómetros, entrase por unha fiestra e esborrallase o chan dunha vivenda, que caeu sobre o piso no que vivía.

Os Bombeiros da Generalitat lograron na tarde deste mércores apagar o lume no tanque de óxido de propileno, que estaba a arder desde o martes na Canonja, pero continúan traballando nas instalacións. Agora céntranse en baleiralo "para reducir o risco da contorna" e prevén retirar o produto a partir da mañá do xoves. No depósito hai unhas 70 toneladas, contando o óxido de propileno e a auga con que se mesturou ao refrigerarlo para controlar o lume. Unha vez retirado "reducirase notablemente" o risco na zona. 

PAISAXE "DESOLADORA". A planta afectada está bastante destruída e a paisaxe "é bastante desoladora". 

 

GENERALITAT. Segundo Protección Civil da Generalitat, a empresa química onde se produciu a explosión non seguiu os protocolos de seguridade, xa que non consta que activase o seu plan de urxencia interior nin que avisase da incidencia ao centro de urxencias (Cecat) nin ao 112. 

A explosión, que se percibiu a varios quilómetros á redonda, orixinouse por motivos que se investigan ás 18.41 horas na empresa Industrias Químicas do Óxido de Etileno (IQOXE), situada na Canonja, xunto á N-340, e dedicada á elaboración de óxido etileno, que non é tóxico pero si moi inflamable. Segundo informaron a Efe fontes de Protección Civil, polo momento non consta que a empresa telefonase ao Centro Superior de Coordinación e Información da Estrutura (Cecat) nin ao teléfono de urxencias 112 para comunicar que acababa de sufrir un accidente químico. 

De acordo cos protocolos de urxencias, as empresas que sufran algún accidente deben activar o seu plan de autoprotección interior e avisar ao Cecat, de forma que se poida pór en marcha o Plaseqcat, o plan de reacción da Generalitat ante accidentes de tipo químico ou industrial, e ao teléfono 112. A investigación aberta a raíz do accidente deberá determinar se a empresa incorreu nalgunha irregularidade respecto dos protocolos establecidos. 

Respecto ao feito de que non se activasen as sirenas para alertar á poboación do accidente, Protección Civil xustificouno en que as informacións do sinistro non apuntaban á posibilidade dunha segunda explosión na petroquímica nin da existencia de nube tóxica na zona.

O conseller de Interior da Generalitat, Miquel Buch, avisou de que pedirán ao Goberno que axilice a aplicación da normativa europea prevista para 2022 para poder avisar á cidadanía directamente ao teléfono móbil en caso de urxencia. 

CRÍTICAS DOS SINDICATOS. Sindicatos de Mossos d'Esquadra criticaron este mércores falta de material e formación aos axentes ante urxencias químicas. O portavoz do SPC, David Miquel, explicou que houbo efectivos que acudiron ao lugar sen ningún tipo de protección. Segundo detallou, os mossos que estaban a patrullar por Tarragona non levaban máscaras no coche e tiveron que ir directos ao lugar da explosión, e só outros axentes procedentes de Salou puideron pasar por comisaría e recoller máscaras integrais. 

Doutra banda, o sindicato de Mossos Uspac informou nun comunicado de que denunciará ante Inspección de Traballo a falta de equipamento e formación. "Ningún mosso sabía que facer nin como se utilizaban as máscaras nin que precaucións e post accións teñen que levar a cabo nestes casos", aseguran.

Comentarios