Falece dun infarto o bispo de Astorga, presidente da comisión antipederastia

Converteuse en 2015 no primeiro bispo español nomeado polo papa Francisco

Juan Antonio Menéndez. EFE
photo_camera Juan Antonio Menéndez. EFE

O bispo de Astorga, Juan Antonio Menéndez, que presidía a comisión antipederastia constituída pola Igrexa católica para a prevención e protección dos abusos sexuais a menores, faleceu aos 62 anos dun infarto que sufriu cando se atopaba nunha rúa próxima ao Arcebispado.

Segundo informaron a Efe fontes municipais, ata o lugar dirixiuse un equipo médico avisado polo 112 que tratou de reanimar o prelado durante varios minutos sen conseguilo, ata que finalmente faleceu sobre as 17.00 horas.

O papa Francisco nomeou en novembro de 2015 a Menéndez bispo de Astorga tras aceptar a renuncia do anterior prelado, Camilo Lorenzo Iglesias, ao cumprir os 75 anos. Foi o primeiro bispo español nomeado polo papa Francisco e converteuse no 137 da Diocese de Astorga, unha das máis antigas de España. No momento do seu nomeamento, era bispo auxiliar de Oviedo.

Menéndez foi designado o pasado ano para presidir a comisión que tiña como obxectivo elaborar unha nova normativa para a prevención e protección dos abusos sexuais na Igrexa. A elección levantou algunhas críticas derivadas das sancións impostas ao sacerdote José Manuel Ramos Gordón por varios casos de abusos cometidos hai anos no colexio Juan XXIII de Puebla de Sanabria (Zamora) e no seminario de La Bañeza (León), que desde diversos sectores se consideraron excesivamente leves.

Aínda que se trataba de delitos que prescribiran civil e canonicamente, Menéndez ordenou unha investigación "exhaustiva" e deu conta diso á Santa Sé. A sanción imposta foi criticada tanto por vítimas como por diversos colectivos que esixían á Igrexa máis dureza e incluso a expulsión dos curas implicados nos abusos.

Menéndez naceu o 6 de xaneiro de 1957 en Villamarín de Salcedo Grado (Asturias), estudou no seminario de Oviedo, licenciouse en Teoloxía (1980) e en Dereito Canónico (2005) pola Universidade Pontificia de Salamanca e foi ordenado sacerdote o 10 de maio de 1981. Foi titular de varias pequenas parroquias, vicario xeral do 2001 ao 2011 e vicario episcopal para os Asuntos Xurídicos de 2011 a 2013.