Euskadi prohibirá que as discotecas fixen distintos prezos segundo o sexo

O Goberno vasco elaborou un borrador de regulamento que recolle esta e outras medidas

O Goberno vasco elaborou un borrador de regulamento no que, entre outras medidas, propón prohibir que haxa distintos prezos de entradas por razón de orixe, raza, relixión ou sexo, como ocorre nalgunhas discotecas entre homes e mulleres.


O viceconselleiro de Seguridade do Goberno Vasco, Josu Zubiaga, presentou este venres nunha rolda de prensa este borrador, que desenvolve a Lei de Espectáculos e Actividades Recreativas aprobada polo Parlamento Vasco en decembro de 2015.

O borrador foi remitido ao Parlamento Vasco e a partir de agora está aberto á presentación de alegacións.

O texto aborda de xeito exhaustivo o tema da venda de entradas, especialmente a través de internet, e define claramente o que é venda directa e comisionada, establecendo límites a esta última de forma que teña que facerse con autorización da Dirección de Xogo e Espectáculos.

O obxectivo é evitar a reventa de entradas cun incremento de prezo, expresamente prohibida na lei.

Neste ámbito o regulamento establece que pode haber unha venda con recarga pero o incremento de prezo ten que ser autorizado, como máximo dun 20% e estar debidamente especificado na entrada.

O que non pode darse é a venda con recarga non autorizada e a venda "encuberta" do tipo: vendo un bolígrafo a 300 euros e agasallo entrada para un concerto. "Iso ímolo perseguir", subliñou Uriarte.

Tamén se quere prohibir que se vendan entradas con diferentes prezos en función de sexo, raza, orixe ou relixión, e evitar así os casos de discotecas ou bares que, por exemplo, non cobran ás mozas e si aos mozos.

Outra novidade é a necesidade de que nos establecementos se diferencie entre o persoal de seguridade e o de admisión (porteiros) que agora para exercer terán que ter unha acreditación que outorgará a Dirección de Xogo e Espectáculos do Goberno Vasco tras pasar unhas probas teóricas, prácticas e psicotécnicas. Ademais o persoal de admisión non poderá facer funcións de seguridade.

O borrador tamén regula os espazos e horarios nos que poden acceder os menores de idade e establece a diferenciación en función de idades (7 anos, 12, 16 e 18).

O viceconselleiro explicou que tras a publicación este venres do borrador ábrese un prazo que prevé que finalice en novembro cando se podería ter o texto definitivo para ser aprobado polo Goberno vasco e remitido ao Parlamento. Tamén indicou que a idea é que o regulamento entre en vigor en xaneiro de 2018. 

Comentarios