España coloca débeda por baixo do 1% por primeira vez desde 2010

España colocou hoxe 4.571 millóns de euros en letras a seis e doce meses, por encima do importe máximo previsto, e abaratou o seu custo en cerca do 30 % respecto da anterior emisión destes prazos, ao mesmo tempo que por primeira vez desde 2010 colocou débeda a un ano por baixo do 1%.

Dos 4.571 millóns adxudicados hoxe, 817,09 saíron a seis meses cun interese marxinal do 0,68 %, o 28 % inferior ao 0,945 % aplicado en setembro e o máis baixo desde maio; os 3.753,97 millóns de euros restante saíron a seis meses cunha rendibilidade do 0,98 %, o 29,4 % por baixo da de setembro (1,39 %) e, por primeira vez desde 2010, por baixo do 1 %.

O cociente de cobertura, que é a proporción entre a demanda e o importe finalmente adxudicado, foi moi elevado, de 2,7 veces, pois as solicitudes das entidades alcanzaron 12.520 millóns de euros.

Antes de pechar esta poxa, o Tesouro xa captara no mercado máis do 90 % das súas necesidades de financiamento para todo o ano, co que vai moi adiantado nas súas previsións de liquidez para o exercicio, e pronto cubrirá o 100 %.

España quixo aproveitar a favorable acollida dos investidores á débeda soberana española e o pasado 9 de outubro celebrou unha poxa de débeda sindicada a 30 anos, fóra do calendario previsto.

Nesta poxa, a primeira destas características que se celebraba desde setembro de 2009, o Tesouro captou 4.000 millóns, logo de recibir peticións por valor de máis de 10.600 millóns.

Este xoves, o Tesouro intentará adxudicar entre 1.500 e 2.500 millóns de euros en bonos a 3 e 5 anos.

E aínda queda outra emisión este mes, de letras a tres e nove meses, o día 22.

A prima de risco de España, que mide o grao de confianza dos investidores ante o país, apenas se movía antes ou logo da poxa, xa que onte pechou en 241 puntos básicos e tras a emisión situábase en 240.

Comentarios