Os equipos de rescate afrontan a recta final na procura de Julen

Os técnicos proceden a rematar as obras complementarias no túnel, entre elas o revestimento da galería

Máquinas trabajando para encontrar a Julen. ÁLVARO CABRERA (EFE)
photo_camera Máquinas traballando para atopar a Julen. Álvaro CABRERA (EFE)

Os equipos de rescate que desde o pasado 13 de xaneiro buscan ao neno Julen en Totalán (Málaga) afrontan este martes a recta final nos traballos logo de alcanzar na noite deste luns os 60 metros do túnel vertical paralelo ao pozo onde caeu o pequeno. Este martes pola mañá os técnicos proceden a rematar as obras complementarias no túnel, entre elas o revestimento da galería, para a seguridade dos mineiros que agora deben escavar unha galería en horizontal cara ao pozo e alcanzar o lugar onde se cre que se atopa o neno de dous anos.

Os mineiros escavarán manualmente esta galería horizontal duns catro metros para conectar co pozo onde está Julen, no que poden empregar unhas 24 horas. Para iso levarán, entre outro material, un martelo de aire comprimido, machadas e madeira para entibar (apontoar) o túnel que deben horadar.

A previsión é que cara ao mediodía a Brigada de Salvamento Mineiro empece a tarefa de perforación e previsiblemente só baixarán dous mineiros porque non caberán máis persoas no túnel inclinado. 

A dureza do terreo determinará a duración dos traballos para o que os mineiros avaliaron todas as posibilidades, entre elas o uso dalgún explosivo, se fose necesario, para remover o terreo mediante microvoladuras.

Centos de persoas están a traballar sen descanso desde o pasado día 13 cando a familia avisou da caída do pequeno por un pozo de máis de cen metros de profundidade.

As maiores dificultades expúxoas o terreo. A perforación da galería vertical iniciouse o 19 de xaneiro e empregáronse 55 horas para chegar aos 60 metros de profundidade, o que supón empregar unha velocidade de 1,1 metros por hora, pola dureza do material que ían atopando as máquinas.

Os pais do neno, que perderon un fillo pequeno en 2017 cando Julen era un bebé, seguen os traballos nunha vivenda do municipio apoiados por un equipo de psicólogos que axudan na tensa espera.

Comentarios