Elpidio Silva cambia a toga pola política

O xuíz Elpidio Silva, suspendido ao terse aberto xuízo oral contra el por prevaricación en relación co chamado Caso Blesa, pediu a excedencia voluntaria ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ, nas súas siglas orixinais, en castelán) para poder ser candidato nas eleccións europeas do Movimiento Red.

O Movimiento de Renovación Democrática de la Ciudadanía (Red) será "progresista" aínda que consciente de que "os cidadáns están fartos da distinción entre dereita e esquerda". "A banca xa nos negou o seu apoio", relatou hoxe Silva aos xornalistas.

Elpidio Silva, que encarcerou provisionalmente ao expresidente de Caja Madrid, Miguel Blesa, está suspendido como xuíz pero necesita o permiso do CGPJ para poder encabezar a candidatura deste movemento a partir do próximo 1 de abril, cando se convoquen os comicios, polo que a solicitou hoxe.

O mesmo movemento político creará a Red Contra la Corrupción, anunciou Silva, quen espera que esta asociación se persoe en casos como Gurtel, os dos preferentistas, a mala xestión de Caja Madrid ou os millóns de hipotecados con tasaciones mal feitas e cláusulas chan, entre outros.

"Trátase dun movemento que quere asumir os grandes problemas do país", sinalou Elpidio antes de engadir: "Un país que está ao límite dunha situación de corrupción, impunidade e cargas económicas contra os cidadáns".

Encabezar a candidatura foi, segundo Elpidio, "unha decisión sumamente meditada e pedida por centos de miles de cidadáns a través das redes e de mensaxes privadas". O xuíz sinalou tamén que "non veño como político senón para arranxar problemas".

Comentarios