O TSJM defende que o escrache a Santamaría foi un exercicio de participación democrática

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) confirmou o arquivo da causa aberta polo escrache que a Plataforma de Afectados pola Hipoteca organizou o pasado mes de abril fronte ao domicilio da vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáez de Santamaría.

O xuíz de instrución número 4 de Madrid, Marcelino Sexmero Iglesias, arquivou o pasado mes de maio este caso porque, segundo afirmaba naquel auto, a protesta non constituíu delito. Agora, catro xuíces do TSJM consideran que aquela concentración estivo protexida polos dereitos de participación democrática da sociedade civil e expresión do pluralismo dos cidadáns.

Así, a instancia superior, ante a que recorrera o fiscal, rexeita a petición da acusación pública. O fiscal consideraba que existiron delitos de ameazas, coaccións, manifestación ilícita, desordes e desobediencia á autoridade por parte das persoas denunciadas por aqueles feitos, teses que non referendou o auto do TSJM.

No seu escrito, os xuíces do Tribunal Superior sinalan que no presente caso "concorren evidentes razóns de interese público" que aconsellan estenderse na explicación dos argumentos que os levan á súa decisión.

Así, os maxistrados da Audiencia Provincial de Madrid entenden que, aínda que se produciu nese lugar unha concentración numerosa de persoas convocada pola Plataforma dos Afectados pola Hipoteca que non foi comunicada previamente, tamén é certo que non houbo nos vinte minutos que chegou a durar incidentes violentos máis aló do vocerío de consignas e o axitar de pancartas.

Os xuíces explican que nos feitos denunciados non se aprecia o delito de ameazas, xa que non se recollen nin se refiren polos denunciantes en ningún momento actos ou expresións por parte dos denunciados que puidesen ser indicativas da intención de causar algún prexuízo á vicepresidenta do Goberno.

Tampouco houbo coaccións, porque nada no ocorrido avala a tese de que a finalidade perseguida polos cidadáns concentrados fose a de quebrantar a vontade política dos denunciantes, salvo que todo lexítimo intento ou desexo de influír no criterio doutro sexa cualificado como tal.

Ademais, os maxistrados da Audiencia Provincial de Madrid estiman que a falta de coaccións leve tamén queda descartada, xa que a conduta dos concentrados non foi violenta nin hai indicios de que a finalidade perseguida fose a de impedir que a familia da vicepresidenta puidese saír de casa.

Para rematar, os xuíces conclúen que tampouco se aprecia a comisión dos delitos de desordes públicas nin de manifestación ilegal, no primeiro dos casos porque non se tratou dunha inxerencia grave e no segundo porque desatender o requisito de comunicar previamente a concentración non constitúe en si mesma infracción penal.

Comentarios