O TSJM anula a norma que incentiva os gardas civís a pór multas

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM) declarou nulo por non "ser axustado a dereito" o Resumo de Actividades Individuais (RAI), un barómetro implantado en 2010 pola Dirección Xeral da Garda Civil que valora o número de denuncias que pon os axentes de tráfico.

Na sentenza da sección sexta da sala do Contencioso Administrativo do TSJM, que tivo acceso Efe, o tribunal estima o recurso presentado pola Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC) que solicitaba a anulación do RAI, imposto pola dirección xeral, sen que previamente fose informado nin o Consello do Instituto Armado nin as asociacións profesionais.

A sala entende que todos estes órganos deberon ser informados da posta en vigor desta norma "ao afectar as condicións de traballo e retribución dos axentes", polo que declara nulo o RAI.

Un barómetro integrado por unha vintena de conceptos cos que a Dirección Xeral puntúa a actividade dos axentes en todos os ámbitos, entre eles o rendemento dos gardas que prestan o seu servizo na agrupación de tráfico e que ten en conta o número de multas que pon en comparación coa media do resto de compañeiros.

En opinión da AUGC, asociación maioritaria no corpo, o RAI supón outorgar "premios" aos gardas que máis denuncias interpoñen, o que converte ao destacamento de Tráfico nunha "espiral de recadatoria allea aos principios básicos da agrupación".

A asociación denuncia ademais nun comunicado que este sistema promove unha perigosa competitividade entre as unidades, xa que os xefes cobraban unha produtividade máis alta se os seus subordinados eran os que máis recadaban en multas.

O RAI implantouse en 2010 por mor da coñecida como "folga de bolis caídos", que os propios axentes puxeron en marcha para protestar polas condicións laborais e que conseguiu, recorda AUGC, diminuír ata nun 90 por cento as denuncias.

Comentarios