O PP ve un ''verdadeiro escándalo'' que se premie á PAH co galardón ao Cidadán Europeo

O eurodiputado do Partido Popular Carlos Iturgaiz considerou hoxe un "verdadeiro escándalo" a entrega do premio Cidadán Europeo 2013 á Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH), un galardón que a delegación do PP na Eurocámara intentará que se retire.

En declaracións a Efe, Iturgaiz deixou claro que o seu partido está "en contra" da concesión do premio á PAH, á que cualificou de ''organización violenta". Ademais, explicou que a formación estudará se existe a posibilidade de dar marcha atrás e facer que se retire o galardón á PAH, e adiantou que ao mesmo tempo pedirá que se reformule o regulamento polo que se rexe o premio.

Na mesma liña, a portavoz da delegación do PP na Eurocámara explicou a Efe que o partido pedirá que se modifique esta decisión", aínda que dixo non coñecer aínda o procedemento a seguir. "Lamentamos que o único español que estaba no xurado, (o socialista e expresidente do PE Enrique) Barón, non teña a valentía de recoñecer que os actos violentos desta plataforma non se corresponden cos valores deste premio", indicou.

A delegación española do PP na Eurocámara está "de acordo cos obxectivos, non cos medios" que utiliza a PAH, subliñou.

A candidatura da plataforma que lidera Ada Colau foi presentada polos eurodiputados Raül Romeva (Verdes/ALE), Ana Miranda (Verdes/ALE) e Willy Meyer (GUE/NGL).

O Parlamento Europeo tamén concedeu este premio á Real Academia da lingua Vasca (Euskaltzaindia), candidatura defendida pola eurodiputada liberal Izaskun Bilbao, así como a outros 41 proxectos e organizacións de 21 países europeos.

O galardón será entregado nunha cerimonia na sede do PE en Bruxelas os próximos 16 e 17 de outubro.

Desde o ano 2008, a Eurocámara concede este galardón a persoas ou organizacións que loiten polos valores europeos, promovan a integración entre cidadáns e os Estados membros e faciliten a cooperación transnacional dentro da Unión.

comentarios