O PP sacaría entre 3 e 6 puntos ao PSOE nas eleccións europeas

O PP gañaría as eleccións europeas cunha marxe de entre 3 e 6 puntos de vantaxe sobre o PSOE, segundo tres enquisas publicadas hoxe por El Mundo, La Razón e La Vanguardia, sondaxes que subliñan a caída en intención de voto das dúas formacións maioritarias.

De acordo coa enquisa de Sigma Dos para El Mundo, os populares obterían o 34,9 % dos sufraxios e 21 ou 22 escanos, mentres que os socialistas conseguirían 17 ou 18 eurodiputados co 28,4 % dos apoios.

Trátase dunha vantaxe de 6,5 puntos, tres máis que nos comicios de 2009, cando o PP conseguiu o 42,1 % dos sufraxios e 24 escanos e o PSOE fíxose con 23 eurodiputados co 38,8 % dos apoios.

Segundo a enquisa, La Izquierda Plural obtería cinco escanos, UPyD tres, igual que Coalición por Europa (CIU, PNV, CC, PNC e CxG), mentres que L'Esquerra pel Dret a Decidir, Cidadáns, Podemos e Os Pobos Deciden (Bildu e BNG) conseguirían un en cada caso.

Tamén dá vantaxe ao PP, aínda que menor, a enquisa que hoxe publica La Razón, realizada por NC Report e que concede á lista que encabeza Miguel Arias Cañete un 32,8 % dos apoios (19 ou 20 escanos) e á que lidera Elena Valenciano un 29,9 % dos sufraxios (17 ou 18 parlamentarios).

Neste caso, La Izquierda Plural faríase cun 11,9 % dos votos (7 ou 8 escanos), UPyD conseguiría 3 ó 4, Coalición por Europa 2 ó 3 e L'Esquerra pel Dret a Decidir 1 ó 2.

Primavera Europea (Compromís e Equo) lograría un escano, igual que Os Pobos Deciden e Cidadáns, mentres que Podemos podería entrar con outro asento na Eurocámara.

La Vanguardia dá a coñecer hoxe outra sondaxe, realizado por Feedback, que apunta a unha vitoria do PP nas europeas co 33,1 % dos votos e 20 escanos, por un 29,8 % e 18 escanos do PSOE.

Do mesmo xeito que nas outras enquisas, nesta La Izquierda Plural experimenta o principal ascenso, cun 10,3 % dos votos e 6 escanos, e UPyD alcanza o 6,3 % dos sufraxios e 3 escanos, os mesmos que Coalición por Europa cun 5,3 % de apoios.

Comentarios