Pons: ''O PP non necesita enxeñerías financeiras para saír adiante''

O Partido Popular fixo públicas hoxe na súa páxina web as contas nacionais da organización desde o ano 2008 a 2011, os catro exercicios que aínda non están auditados polo Tribunal de Contas, dado que as correspondentes a 2012 aínda non se pecharon.

O vicesecretario xeral de estudos e programas do PP, Esteban González Pons, anunciou esta publicación nunhas declaracións nas que subliñou que é un partido "saneado, decente, escrupuloso e, desde logo, moi transparente".

Segundo González Pons, todo isto apreciarase nas contas publicadas hoxe e que, dixo, reflicten que o PP "non necesita acudir a enxeñerías financeiras para saír adiante". "O PP non necesita recorrer a nada que non sexa a súa propia contabilidade, decente, limpa e honrada" para funcionar, ''como se pode apreciar", dixo o dirixente popular, nos datos que hoxe se publicaron.

Trátase dun "exercicio de transparencia sen precedentes na historia dos partidos políticos en España" co que o PP se converte nun partido "no que todo o que hai dentro pódese ver e toda a nosa contabilidade, o noso patrimonio, pódese ver", engadiu. Tamén explicou que esta é a contabilidade do partido nacional, é dicir, do partido en toda España: "poderase ver o que ingresa o partido en España e o que gastan todas as nosas sedes e todos os nosos parlamentarios", dixo.

Esteban González Pons subliñou o feito de que o PP decida facer públicos estes datos "antes incluso" de que os audite o Tribunal de Contas. E invitou a outros partidos a facer este exercicio de transparencia". "Gustaríanos que -esoutros partidos- digan canto cobran os seus dirixentes antes e agora, cantos ingresos teñen antes e agora, se teñen créditos cos bancos e se antes fóronlles condonados os créditos cos bancos", engadiu. "E se é así", que expliquen "a cambio de que se condonaron eses préstamos, porque un banco nunca lle perdoa un crédito a un partido político a cambio de nada", advertiu. Na súa opinión, esoutros partidos presentan a súa contabilidade "por anacos e antiga, e o PP decidiu mostrar a súa contabilidade "última" e "ao completo".

Con esta publicación, os populares cumpren un dos compromisos adquiridos tras estalar o "caso Bárcenas" e aparecer nas medios informacións que apuntan a supostos pagos en diñeiro negro a dirixentes do partido, incluído o presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Outro dos compromisos son accións xudiciais contra quen atribúan, filtren ou publiquen informacións sobre supostas irregularidades na contabilidade do partido.

González Pons explicou sobre estas accións que, "politicamente", o PP quere dirixilas "ao máximo número de persoas posibles". "Porque se nos insultou moito e a nosa indignación é moi grande, dixo. "Xuridicamente iremos ata onde os avogados nos digan que temos posibilidades de éxito", engadiu.

Comentarios