O 44% dos españois ten a intención de votar ao PP

O PP quita 10 puntos ao PSOE en intención de voto, Izquierda Unida mantense como terceira forza e o paro é o principal problema que ten agora mesmo o Estado español a xuízo do 82,4% dos cidadáns.

Todos estes datos saen publicados no barómetro de xaneiro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (Cis), que outorga o 44,1% dos votos ao partido liderado por Mariano Rajoy, fronte ao 34% que conseguiría o partido do Goberno se se celebrasen agora eleccións xerais.

Respecto ao barómetro de novembro, os conservadores amplían en máis de dous puntos a súa diferenza con Zapatero. A terceira forza política segue sendo Izquierda Unida, cunha expectativa de voto do 5,7%, medio punto menos que no anterior barómetro, seguido de CiU, que sobe ata o 3,9%, e de UPyD, que baixa ao 2,9%.

Á hora de porlle nota aos líderes políticos no Congreso non aproba ninguén. O mellor valorado é o representante de CiU, Josep Antoni Duran i Lleida, que obtivo un 4,4. Peor parado saíu o líder de ERC, Joan Puigcercós, que obtivo a peor nota cun 2,69. No equipo de Goberno, o único ministro que obtén un 'suficiente' é o titular de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, que recibe 5,32 puntos.

Na súa estrea nos cartóns do Cis, quen porta a carteira de Sanidade, Leire Pajín, quedou, con 2,98 puntos, ás portas de ser a peor valorada, superada unicamente pola artífice da controverdida Lei Sinde, Ángeles González-Sinde, que recibiu 2,88 puntos. Tamén é a primeira vez que Valeriano Gómez é avaliado polos cidadáns enquisados polo CiS e supera en catro décimas a última puntuación que conseguiu o seu antecesor no Ministerio, Celestino Corbacho.

O paro, a maior preocupación
A preocupación dos españois polo paro volveu subir ata ser citado como o principal problema polo 82,4% do enquisados --nivel que non se daba desde marzo do 2010 (82,9%)-- mentres que a situación económica é considerada mala ou moi mala polo 80,6% dos cidadáns. Segundo os datos do barómetro, se en decembro o paro era citado como o principal problema polo 78,6% dos enquisados, en xaneiro esta porcentaxe aumentou 3,8 puntos.

Ao paro séguenlle os problemas económicos, cun 53,1%, porcentaxe tamén superior ao rexistrado no barómetro anterior (52%); e a clase política e os partidos, que tamén preocupan máis aos cidadáns que no mes anterior, ao ser citados polo 20,6% da enquisados fronte ao 19,3% de decembro. O terrorismo de Eta preocupa ao 7,4% dos enquisados.

Comentarios