Losantos denunciará a 'El Jueves' porque se sente insultado

O locutor da Cope Federico Jiménez Losantos anunciou este xoves no seu programa La mañana que se querellará contra o semanario satírico El Jueves por un vídeo que esta publicación difunde na súa web. Nel chancéase co atentado que o xornalista da cadea dos bispos españois sufriu en 1981 por parte do extinto grupo terrorista catalán Terra Lliure.

O personaxe de Losantos, no vídeo de El Jueves, di ao recoller o premio 'Gilipollas del año': "Cambiaron o rumbo da miña carreira. Grazas, grazas, grazas, grazas amigos por esa bala no cerebro". O galardón é outorgado por votación dos lectores do semanario satírico.

"A pesar de que non confío na xustiza, vou ver se me toca un xuíz decente", declarou Losantos en antena. Mentres, a revista satírica respondeu: "Cada un é libre de opinar se o gag empregado é máis ou menos afortunado, pero de aí a dicir que facemos humor a costa das vítimas do terrorismo hai un treito, non o fixemos nunca e non o faremos nin sequera cun personaxe como o señor Jiménez Losantos".

Un locutor experto en inxurias
O locutor xa ten experiencia ante os tribunais. O alcalde de Madrid, Alberto Ruíz Gallardón, denunciouno por inxurias. Losantos cualificouno de traidor, "sinistro, bandido, lacayo do Goberno, caradura e fillo de Satanás", e xustificou os insultos durante o xuízo porque o rexedor "non quería que se investigase a fondo o 11-M". Foi condenado a pagar 36.000 euros.

Tamén o levou aos tribunais o ex director de ABC, José Antonio Zarzalejos, con 100.000 euros polo delito de intromisión ilexítima na súa honra, ao dedicarlle en antena cualificativos como "inútil", "fracasado", "bobo", "mentireiro", "zote", "refugallo intelectual" ou "detritus". Esta vez tamén perdeu e a multa ascendeu a 100.000 euros, por atentado contra a honra.

Comentarios