O xulgado solicita datos sobre Andrea, a nena cuxos pais demandan a súa morte digna

O obxectivo é dilucidar, a través do seu historial clínico e dos informes periciais, se o plan terapéutico e paliativo pautado polo servizo de Pediatría é o correcto ou se pola contra alarga "innecesariamente" a súa agonía
Antonio Lago y Estela Ordóñez, los padres de Andrea, una niña de 12 años que sufre una enfermedad rara y degenerativa, han pedid
photo_camera Antonio Lago y Estela Ordóñez, los padres de Andrea, una niña de 12 años que sufre una enfermedad rara y degenerativa, han pedid

O Xulgado de primeira instancia número 6 de Compostela reclamou información ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e ao Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga) sobre o estado da pequena de 12 anos cuxos pais demandan a súa morte digna.

Previamente, fora a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) a que se dirixiu ao Xulgado para pedir a súa opinión sobre o plan terapéutico establecido e a súa posible modificación.

O servizo de Pediatría do Hospital baseara as súas decisións na resposta recibida a través dun auto previo do mesmo xulgado, emitido no mes de xullo, e a xerencia do complexo resaltou este xoves que non se está producindo "obstinación ou sobreesfuerzo terapéutico" algún no caso da pequena Andrea, que padece unha enfermidade incurable, pero anunciou a consulta xudicial que se divulgou este venres.

O xerente do complexo hospitalario galego, Luís Verde, comentou á prensa que se quere saber se o xulgado desexa levar a cabo "algunha actuación ou modificación" do plan que se segue coa menor e que apoiou no seu momento.

Na providencia xudicial agora emitida, o maxistrado solicita da asesoría xurídica do Servizo Galego de Saúde (Sergas), para a súa entrega este venres mesmo, o historial clínico completo da pequena coa evolución desde o seu ingreso; así como o informe do comité de ética asistencial, que xa se pronunciou o pasado día 14 de setembro, e un informe do xefe de servizo de Pediatría, "actualizado e exhaustivo que especifique, polo menos, os criterios clínicos polos cales se estima que a paciente non se atopa en situación terminal, nin concorre situación de dor e/ou sufrimento desmesurado".

Tamén se dirixe o titular do Xulgado ao Imelga para "verificar recoñecemento xudicial e forense da menor", igualmente co prazo fixado neste venres.

No informe que demanda do Imelga, o forense deberá especificar se se trata dunha "paciente con enfermidade irreversible incurable e en estadio terminal"; se o procedemento pautado polo servizo de Pediatría é "extraordinario ou desproporcionado ás perspectivas de melloría da paciente" e se "produce dor ou sufrimento desmesurado na mesma".

Ademais, o Imelga debe explicar "se no seu caso as medidas de soporte vital pautadas conducen a unha prolongación innecesaria da agonía da paciente e/ou mantén á mesma a vida en forma penosa, gravosa e artificial".

O titular do Xulgado sinala que, unha vez practicadas as citadas probas e evacuado o informe médico forense, citará aos proxenitores da menor.

O Xulgado número 6 de Santiago é o que, con data de finais de xullo, autorizara o plan terapéutico e paliativo pautado polo servizo de Pediatría.

Comentarios