O xulgado recibe as mostras do condutor da escavadora

O laboratorio do Servizo de Toxicoloxía do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela (USC) enviou hoxe ao xulgado número dous de Castuera (Badaxoz) o resultado da análise das mostras tomadas ao condutor da escavadora, en prisión tras o accidente no que morreron cinco adolescentes.

Fontes do centro compostelán, de referencia en España para estas análises, confirmaron a Efe esta remisión, tras o pertinente estudo que se realizou nun prazo menor ao habitual dada a alarma social que provocou o suceso.

No entanto, non precisaron nada acerca de se este home consumira ou non drogas. Únicamente constataron que ás dúas desta tarde, o profesor Manuel López Rivadulla e o seu equipo enviaron o informe das análises das mostras biolóxicas recibidas o día 14 deste mes.

Tamén especificaron que ditas mostras foron procesadas de acordo cos protocolos habituais, por técnicas de espectometría de masas en tándem, previa separación por cromatografía de líquidos.

O test de saliva -indiciario- foi a primeira proba realizada para saber se o condutor da máquina, F.M.M., de 37 anos, consumira algunha droga previamente ao accidente co microbús no que viaxaban os mozos.

Esta foi a primeira proba practicada e, aínda que ten unha "fiabilidade aceptable", tiña que ser contrastada coa realizada neste laboratorio de referencia, a que confirma "especificamente e de xeito inequívoco" a presenza de sustancias detectadas en primeira instancia.

O Laboratorio de Toxicoloxía da USC que dirixe o catedrático Manuel López Rivadulla dispón dos equipos e do persoal necesario para realizar a análise toxicolóxica dun gran número de sustancias de natureza orgánica, aínda que se centra fundamentalmente nas drogas de abuso e os fármacos.

Comentarios