Os pais ven confirmadas as súas sospeitas e piden que se faga xustiza

O xuíz reabre a causa do suicidio de Diego

Unha testemuña afirma ter información sobre o caso e os pais están "moi ilusionados" tras coñecer a noticia

O xulgado de Instrución número 1 de Leganés acordou reabrir a causa que arquivara pola morte do neno de once anos que se suicidou tras un suposto caso de acoso escolar ao aparecer unha testemuña que afirma ter información sobre o caso.

O xulgado estimou parcialmente o recurso presentado polos pais de Diego G. e reabriu a investigación para practicar as dilixencias solicitadas polo fiscal, que apoiou a reapertura, informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

O neno suicidouse en outubro de 2015 e o xuíz arquivou a causa ao considerar que non existían indicios suficientes de que se cometeu un delito.

Os pais do mozo solicitaron a reapertura da causa e a investigación non só dun posible acoso escolar no colexio Nuestra Señora de los Ángeles de Madrid, senón tamén dunha posible agresión sexual.

No novo auto, o xuíz insiste en que non hai indicios suficientes para citar aos profesores de Diego como investigados, pero recoñece que, ao aparecer unha testemuña que manifesta ser coñecedor de novos feitos que puidesen axudar a esclarecer a investigación, é necesario continuar a instrución da causa para comprobar se esas afirmacións son veraces.

O xulgado, con apoio da fiscalía, considerou no seu momento que das dilixencias practicadas pola Policía Xudicial, do resultado da autopsia practicada e da análise do Ipad do menor, non se evidenciou "a existencia de indicios que permitisen a imputación dun delito de homicidio imprudente a persoa algunha".

Agora, a pesar da reapertura do caso, defende que ese auto inicial "non adoece de defecto nin debe ser obxecto de reforma".

"A posible existencia duns feitos que puidesen ser constitutivos dunha situación de acoso escolar fronte ao menor falecido (feitos que non quedaron acreditados e que haberán de ser investigados no seu caso pola Fiscalía de Menores), non implica a existencia dun delito de homicidio imprudente por parte do profesorado do centro onde puidesen haberse levado a cabo os mesmos ou do mesmo centro", recalca.

E insiste en que, tal e como manifesta a Fiscalía no seu informe, "das dilixencias practicadas non resultan suficientes indicios para proceder a tomar declaración como investigados aos profesores indicados no recurso como autores ou coautores do delito que se lles pretende imputar".

No entanto, accede a reabrir o caso para comprobar a veracidade da declaración desa testemuña -cuxa identidade non se facilitou- e a súa posible achega ao esclarecemento do caso

Comentarios