'El Jueves'

Leo “O secuestro xudicial da revista satírica 'El Jueves' por supostas inxurias ao sucesor da Coroa dispararon o interese pola publicación, pola que xa se chegan a pedir ata 2.500 euros en Internet”. Abondaría con isto para argumentar e contra-argumentar sobre a suxestión da Fiscalía Xeral do Estado consumada polo xuíz Del Olmo.

Pero vaiamos máis alá, a pesar dos riscos que iso implica neste país en que a Constitución é sacrosanta, segundo o artigo que nos vaia nela. Por favor, señores xuíces, non me veten cando lles diga que a súa foi unha decisión excesiva e absolutamente arbitraria. Non me amordacen cando afirme, e á vista dos feitos está, que foi peor o remedio que a enfermidade. Non pidan responsabilidades aos medios que me publican cando afirme que a súa moral e o seu decoro poden non ser extensivos ao resto da sociedade e que, en todo caso, non debería ser constitutivo de delito aquilo que non casa coa súa propia “moral” e co seu sentido do humor.

Non existe nesa viñeta ningunha chamada á desorde pública, nin ao crime, nin sequera cuestiona a “incuestionable” monarquía. Nada, só unha tímida mofa da Casa Real e, sobre todo, dos 2.500 euros prometidos por Zapatero. Que nos faga graza ou non, xa é outro cantar, pero iso non debería ser obxecto de decisión xudicial.

A liberdade de expresión non reside en decidir se isto ou aquilo é de bo ou mal gusto senón en respectar que cadaquén se exprese segundo as súas conviccións, que non teñen por que ser compartidas. Pero o máis terrible do asunto non recae no debate político nin tampouco en se os aludidos se sentiron ofendidos ou non. O terrible é o precedente que asenta.

Comentarios