'El Jueves' recoñece a súa perigosidade nun número especial

Portada do especial de 'El Jueves'
photo_camera Portada do especial de 'El Jueves'

Un avergonzado bufón que pasa a rolda de recoñecemento nunha comisaría de policía na compaña dun maltratador, un etarra e un suicida islamista.

Con esta imaxe chegou hoxe ós quioscos a revista satírica El Jueves, cun número especial que lembra o secuestro sufrido pola publicación hai dúas semanas tralo escándalo provocado por unha portada na que aparecían os Príncipes de Asturias mantendo relacións sexuais.

Tralo incidente e coma se da nai dos Dalton se tratase, un lector enviou á redacción de El Jueves unha barra de pan cunha lima dentro para facilitarlle a fuga ós presos. Mostras de solidaridade tan orixinais coma esta sucedéronse dende o secuestro, e a revista quixo agradecelas con este especial no que tamén contan como viviron aquel venres no que viron como o seu traballo era retirado dos quioscos.

Na portada desta semana, e baixo o título de Semos peligrosos, na honra do personaxe de Makinavaja, os citados compañeiros de foto recriminan á mascota da revista polo debuxo dos Príncipes dicindo "como vos pasastes". O bufón loce o número de identificación 1.573, o mesmo que lle correspondía á publicación secuestrada.
Xa no interior, a revista conta cun número de páxinas maior do habitual nas que se dá conta das mensaxes de 'condolencia' enviados polos seus lectores, encabezados por un editorial no que os responsables da publicación lamentan o ton dalgunhas das críticas recibidas.

O secuestro é tamén o tema central da viñeta de Guillermo, un dos asinantes da popular portada. O autor reproduce na tira cómica La Reina y Yo unha acuarela atribuída ós irmáns Bécquer na que Isabel II participa nunha orgía. O debuxante pregúntase se "asistiremos ó secuestro de semellantes mostras de mal gusto?".

 

 

A expectación coa que se agardaba o anunciado especial animou ós traballadores da revista á montaxe deste trailer, ó máis puro estilo hollywoodiense, que recibiu un número tal de visitas que a páxina ficou bloqueada en varias ocasións durante a tarde de onte.

E aínda que o cambio de cabeceira que prometían no número anterior non se levou a cabo finalmente, desta vez enriba da revista si que pode lerse o novidoso eslogan: A revista que secuestran os venres.

Comentarios