El Hierro segue tremendo

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou no Hierro un sismo de magnitude 4,6 na escala de Richter, que foi sentido pola poboación tanto nesta illa como na veciña A Palma e que non ocasionou danos.

A esta sacudida seguiuna outra de 3,7 de magnitude e localizada a unha profundidade de 12 quilómetros e, posteriormente, unha terceira de 4,4, a 18 quilómetros de profundidade e ao oeste da illa, segundo os datos facilitados polo IGN.

O terremoto máis forte tivo lugar ás 8:14 horas (hora local), con epicentro no mar ao oeste do municipio de Frontera, no punto onde se concentran a maior parte dos sismos dos últimos días. O seu foco situouse a 18 quilómetros de profundidade.

O Centro Coordinador de Urxencias indicou que non hai constancia de que se producisen danos a causa do movemento sísmico.

Este terremoto é da mesma magnitude que o maior que se produciu durante a erupción volcánica submariña no Hierro, concluída en marzo de 2012, e repite a intensidade de 4,6 do pasado mércores.

AUMENTO DO CO2

A cantidade de dióxido de carbono que emite á atmosfera a illa atópase estes días, cunhas 1.684 toneladas diarias, dúas veces por encima do seu rango normal.

De acordo coas medicións do Instituto Volcanológico de Canarias (Involcan), a emisión de dióxido de carbono á atmosfera no Hierro aumentou de novo e xa se sitúa en 1.684 ± 72 toneladas diarias a data de 26 de marzo de 2013.

O coordinador científico de Involcan, Nemesio Pérez, indicou en declaracións a Efe que este resultado é coherente co actual repunte sísmico-deformacional asociado ao proceso de reactivación magmática que experimenta El Hierro desde mediados de 2011.

Nemesio Pérez precisou que este valor se refire á cantidade de dióxido de carbono que se emite á atmosfera a través de toda a superficie insular, que abarca 278 quilómetros cadrados.

O coordinador científico de Involcan destacou que estes valores de dióxido de carbono non representan ningún perigo para a poboación, aínda que agregou que estas medicións van enfocadas á vixilancia volcánica.

A dirección do Plan de Protección Civil por Risco Volcánico de Canarias (Pevolca) subiu de verde a amarelo o semáforo de risco sísmico en parte do Hierro desde o pasado mércores e limitou a circulación nas carreiras que poidan estar expostas a desprendementos debido ás sacudidas.

Comentarios