O Goberno devolverá a extra aos funcionarios, pero só se hai marxe

Montoro matiza as informacións que aseguraban que ía ser unha medida inmediata. O Executivo di que se fará pero non "neste momento". Os sindicatos critican este "globo sonda" e o PSOE acusa a Rajoy de actuar "como un pito sen cabeza"
El ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro (izquierda), y el de Interior, Jorge Fernández Díaz, poco antes del inicio de la sesión de control al Gobierno del pleno del Congreso.
photo_camera El ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro (izquierda), y el de Interior, Jorge Fernández Díaz, poco antes del inicio de la sesión de control al Gobierno del pleno del Congreso.

Os funcionarios poderán recuperar a paga extra suspendida en 2012 pero non será de forma inmediata senón "a medida que haxa marxe orzamentario" para facelo, confirmou este mércores o ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro.

Con estas palabras nos corredores do Congreso, o titular de Facenda precisaba unhas declaracións anteriores do secretario de Estado de Relaciones con las Cortes, José Luís Ayllón, quen aseguraba que o Goberno non planea "neste momento" reintegrar aos funcionarios unha parte ou incluso a totalidade da extra suspendida hai tres anos.

Nestas primeiras declaracións, Ayllón expresaba a súa "sorpresa" pola noticia publicada  en varios medios de comunicación e segundo a cal o Executivo tiña vontade de devolver aos funcionarios unha parte ou incluso a totalidade da paga extra, da que xa se recuperou o 25 %.

Montoro considera "incorrecto" e "precipitado" dicir que o Goberno vai reintegrar xa a paga pero fixo fincapé en que a intención do Executivo é devolver o esforzo destes anos pasados "a todos, e tamén aos funcionarios".

O titular de Facenda comentou que, de feito, o Goberno xa empezou a facelo ao devolver unha parte da extra de 2012 e días de libre disposición. "E a nosa intención é seguir facéndoo a medida que teñamos marxe orzamentaria e en diálogo cos sindicatos da función pública", apuntou.

Críticas dos sindicatos e do PSOE

O anuncio da devolución da paga e as precisións posteriores de distintos responsables do Goberno desatou a reacción dos sindicatos, que coincidiron en cualificar de "globo sonda" estas informacións, vertidas ademais nun escenario electoral.

En concreto, o presidente de CSI-F, Miguel Borra, esixiu ao Goberno "seriedade" nas súas formulacións porque os funcionarios "non se merecen globos sonda".

No mesmo sentido expresouse o secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, quen comentou que en época de "procesos electorais concentrados" recorrer á técnica do globo sonda é "moi socorrido".

A Federación de Servizos Públicos de UXT tamén denunciou que o Executivo lance un "globo sonda" para gañarse a credibilidade perdida e pediu unha "negociación real" cos funcionarios sobre a devolución íntegra da extra de 2012 e os días perdidos de vacacións.

O portavoz do grupo socialista do Congreso, Antonio Hernando, considerou que a actitude do Goberno ante a posible devolución da paga extra demostra que xa actúa "como un pito sen cabeza". "Pedimos ao Goberno que deixe de tomar o pelo e deixe de xogar cos funcionarios e cos traballadores en xeral porque non é posible que unha estratexia electoral poña aos pés dos cabalos as expectativas de millóns de persoas e de miles de funcionarios", engadiu en declaracións aos xornalistas.

Comentarios