O contable do Instituto Nóos confesa e recoñece os delitos de Iñaki Urdangarín e Diego Torres

O contable do Instituto Nóos, Marco Antonio Tejeiro, converteuse no primeiro arrepentido da causa tras confesar á Fiscalía Anticorrupción os delitos que se lle imputan, e recoñecer que Iñaki Urdangarín e Diego Torres empregaron esa entidade para cometer diversos delitos de corrupción.

O antigo contable alcanzou un acordo co fiscal Pedro Horrach no que admite que, por orde de Urdangarín e Torres, o seu cuñado, facturou servizos a custos moi superiores aos reais, desviou fondos a través do armazón empresarial dos socios para ocultalos ao fisco e realizou contratos ficticios.

Horrach acudiu ao mediodía ao despacho do xuíz instrutor do caso, José Castro, para informalo da confesión de Tejeiro no que foi o primeiro encontro entre ambos tras o seu enfrontamento público pola imputación da infanta Cristina. Ambos coincidiron en que a entrevista, que se prolongou uns 15 minutos, foi "cordial".

Nun escrito de oito páxinas dirixido á Fiscalía Anticorrupción de Baleares, Marco Antonio Tejeiro, expresa a súa vontade de contribuír ao "esclarecemento do feitos obxecto de investigación" e fai unha relación dunha vintena de prácticas delituosas das que tivo coñecemento. Describe que Torres, esposo da súa irmá Ana María, e Urdangarín organizaron un armazón de sociedades "que operaban realmente no mercado coma se fosen unha soa".

A INFANTA, NIN NOMEADA
Entre esta empresa atópase a sociedade común dos duques de Palma, Aizoon, aínda que o arrepentido non fai ningunha alusión a que a infanta Cristina interviñese dalgún xeito nas actividades do seu esposo.

O arrepentido detalla no escrito como o esposo da irmá do Rei e o seu socio constituíron un instituto que formalmente non tiña ánimo de lucro, pero que utilizaron para enriquecerse repartíndose a través dunha rede de empresas os fondos que lles pagaron organismos públicos de Baleares e a Comunidade Valenciana.

Torres e Urdangarín eran os "auténticos xefes e líderes do Grupo Nóos",
sostén Tejeiro, e como tales tiña "poder de decisión absoluto" para organizar o fluxo do diñeiro que se repartían" de xeito equitativo.

Acúsaos de crear un armazón para saquear fondos públicos mediante a organización de eventos cuxo custo inchaban, a falsificación de facturas, a fraude tributaria e a contratación de empregados ficticios.

Ademais, sinala que tivo coñecemento de que ordenaron preparar eventos para o Govern balear e para organismos públicos valencianos antes de que se asinasen os convenios correspondentes, o que poría de manifesto a conivencia con responsables políticos á marxe dos procesos regulados de contratación. En concreto, cita os casos da Valencia Summit 2004 e o Illes Balears Forums 2006 e apostila ademais que non ten constancia "de que xamais se fixesen orzamentos detallados e analíticos" para presentalos ás administracións que os contrataron.

URDANGARÍN SEGUIU A NEGOCIAR CON TORRES TRAS 2006

Tejeiro sostén, así mesmo, que aínda que Urdangarín deixou o Instituto Nóos por indicación da Casa do Rei en 2006 seguiu facendo negocios con Torres.

O excontable, que foi despedido en 2008, indica que o Grupo Nóos conformábano o instituto que lle daba nome e outras empresas controladas polos socios, entre elas Aizoon, a sociedade que compartían ao 50 % a infanta Cristina e o seu marido.

Respecto desta empresa subliña que "carecía de infraestrutura persoal e de medios relevantes para o acometemento da súa actividade social" e que "todas as facturas que emitiu contra o Instituto Nóos e Nóos Consultoría tiñan por finalidade desviar ao seu favor os fondos recibidos polo Instituto Nóos".

Os empregados das distintas sociedades do grupo traballaban baixo unha dirección única, independentemente para cal estivesen contratados, e algúns deles foron empregados de xeito ficticio por Urdangarín e Torres para repartirse as suposta remuneracións, describe.

O arrepentido afirma que "a actividade principal" de Nóos foi a organización das dúas edicións do Illes Balears Forum e as tres dos eventos Valencia Summit, que custaron ás arcas públicas uns 6 millóns de euros. Como "o custo real da organización dos eventos foi notablemente inferior ao importe recibido polos organismos públicos", a entidade sen ánimo de lucro cruzou facturas falsas con entidades do propio grupo para que Urdangarín e Torres se apropiasen dos beneficios, describe.

Tejeiro explica tamén que Diego Torres, esposo da súa irmá Ana María, tamén imputada na causa, organizou unha "estrutura fiduciaria internacional" que empregou para evadir capitais de Nóos, aínda que descoñece se Urdangarín fixo uso dela.

Outra das súas confesións é que parte das persoas contratadas e pagadas para intervir nos foros sobre deporte que o Instituto Nóos organizou en Valencia e Palma non prestaron ningún servizo.

O excontable refírese tamén á presentación de facturas por servizos inexistentes á Generalitat Valenciana no marco da organización da candidatura dos Xogos do Mediterráneo, polos que Nóos cobrou 380.000 euros.

Comentarios