O 'Comando Mateo Morral' reivindica a explosión da Basílica do Pilar de Zaragoza

O denominado Comando Insurreccional Mateo Morral, o mesmo grupo anarquista que se atribuíu a colocación dun artefacto na catedral da Almudena de Madrid o pasado mes de febreiro, reivindicou hoxe a colocación onte dun artefacto na basílica do Pilar de Zaragoza.

Segundo confirmaron a Efe fontes policiais, este grupo anarquista recoñeceu nas redes sociais que é o autor da colocación onte dunha bombona de cámping gas xunto ao órgano da basílica, que estourou sobre as 13.45 horas causando danos materiais, pero ningún ferido.

Trátase do mesmo suposto comando que o pasado 8 de febreiro reivindicou a colocación, o día anterior, dun artefacto na Almudena que foi retirado pola Policía sen que chegase a explotar e que contiña un detonador e preto de 1.200 gramos de explosivo.

Nun comunicado publicado por varias páxinas web anarquistas, o Comando Insurreccionalista Mateo Morral afirma que "o obxectivo do ataque explosivo é claro: dar caña (golpear) á monarquía borbónica nos seus lugares sacros". "Demostramos que as vosas garidas santificadas son vulnerables. Os cimentos do voso poder tremeron polos quilos da nosa pólvora sacrílega que busca romper coa vosa paz cívica baseada en mortos e persoas encerradas por anos no talego (cárcere). Isto é a vinganza", engadía.

O suposto comando leva o nome do anarquista Mateo Morral Roca (1880-1906), responsable do atentado contra o rei Alfonso XIII e a raíña Victoria Eugenia o día da súa voda o 31 de maio de 1906. Precisamente este intento de magnicidio foi cometido desde o número 84 da rúa Maior de Madrid, moi preto da catedral da Almudena.

Un mes logo da colocación do artefacto na Almudena, o 12 de marzo, a Policía estourou de forma controlada un artefacto xunto á Fiscalía de Madrid que contiña tres quilos de explosivo, e os investigadores apuntaron a posibilidade de que ambas as accións fosen perpetrados por grupúsculos anarquistas conectados entre si.

Os mesmos grupos tamén poderían ser os autores do envío, en meses anteriores, de varios paquetes con explosivos a persoas relacionadas coa igrexa, entre eles dous consoladores, con explosivos, remitidos ao arcebispo de Pamplona e ao director dun colexio de Madrid, que explotou en Correos.

comentarios