Dúas enquisas dan a vitoria ao PP nos comicios a Bruxelas

O PP avantaxaría o PSOE en 4,6 puntos nas próximas eleccións europeas, cun 34,3 por cento dos votos fronte ao 29,7 % dos socialistas, segundo unha enquisa de Sigma Dos que publica hoxe El Mundo.

Nas dúas últimas semanas, o Partido Popular mellorou as súas expectativas de voto para as próximas eleccións europeas en 1,2 puntos.

As dúas principais forzas políticas sumarían un descenso en intención de voto duns 17 puntos, mentres que Izquierda Unida e Unión Progreso e Democracia obterían un crecemento importante respecto das últimas eleccións europeas, aínda que nas dúas últimas semanas ambas as formacións reduciron a súa intención de voto nun punto.

A enquisa foi realizada entre os días 22-24 e 28-30 de abril mediante un milleiro de entrevistas telefónicas.

EN GALICIA

Os galegos responsabilizan ao Goberno dos efectos da crise económica, aínda que se declaran dispostos principalmente a votar o PP, segundo os resultados dunha sondaxe divulgada hoxe por La Voz de Galicia.

En opinión dos enquisados, o Goberno español é o maior responsable dos problemas económicos de Galicia e en menor medida as autoridades da Unión Europea.

A pesar de todo, un 58 % dos enquisados expresou o seu apoio á Unión Europea e un 77,4 % confesou que xa decidiu a quen votará nos comicios europeos do 25 de maio, aínda que o 20,6 % indicou a súa intención de non participar nesa cita electoral.

En base ás proxeccións, a sondaxe indica que o PP podería gañar os comicios europeos en Galicia con 44,1 de intencións de voto, seguido do PSOE con 29,7 %, de Anova con 9,7 %, BNG con 6,4 % e as demais formacións que concorren un 6 % restante, ademais de 3,3 % do electorado que sinalou que votará en branco.

En canto valoración dos líderes políticos galegos, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, obtén unha nota de 4,89 sobre dez; seguido do secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, con 4,39; do máximo dirixente de Anova, Xosé Manuel Beiras, con 4,08; da coordinadora de EU, Yolanda Díaz, con 3,94, e do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, con 3,92.

En canto aos partidos políticos do conxunto de España, o do PP, Mariano Rajoy, obtén unha nota de 3,67 sobre dez puntos, lixeiramente inferior (3,83) que a lograda noutras sondaxes en outubro pasado; o do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, en cambio aumenta lixeiramente e pasa a conseguir 3,42, fronte ao 3,09 logrado anteriormente.

Comentarios