A dirixente da CUP Anna Gabriel foxe da Xustiza e queda en Suíza

"Non irei a Madrid", asegura a dirixente da CUP nunha entrevista na edición en papel do diario suízo Les Temps

Anna Gabriel. AEP
photo_camera Anna Gabriel.AEP

A exdeputada da CUP Anna Gabriel presentou este martes un escrito no Tribunal Supremo no que anuncia que permanecerá en Suíza e non acudirá este mércores a declarar como investigada por rebelión, ao entender que na causa aberta polo proceso independentista "non existe dereito a un xuízo xusto".

Nun escrito, a que tivo acceso Efe, o avogado de Gabriel e tamén exdeputado da CUP Benet Salellas remítese á entrevista publicada poñp xornal suízo Le Temps na que a investigada anuncia a súa intención de permanecer en Xenebra e non acudir á súa citación ante o Supremo.

Nun texto de apenas dous parágrafos, Salellas lembra ao Supremo que na "extensa entrevista" que Gabriel concedeu ao xornal suízo xa anuncia a súa intención de non acudir á súa declaración, inicialmente fixada para o pasado 14 de febreiro pero que se aprazou a petición da súa propia defensa.

Segundo refire tamén a súa defensa, en dita entrevista a exdeputada argumenta que "non existe dereito a un xuízo xusto" na causa aberta polo procés e que "os seus dereitos fundamentais veríanse gravemente comprometidos de aceptar voluntariamente a súa participación" nese procedemento.

"Por cuestións de lealdade procesual esta parte pon en coñecemento do Tribunal devandito extremo e, en consecuencia e dado que a dilixencia de declaración de investigada non vai producirse, anunciamos co presente escrito que o letrado que subscribe tampouco comparecerá mañá", reza o texto que Salellas presentou este martes ao Supremo.

A ACUSACIÓN. O xuíz do TS Pablo Llarena citou a declarar como investigada para o día 14 de febreiro pasado Gabriel e á exdeputada da CUP Mireia Aboia -que quedou en liberdade sen ningunha cautelar tras comparecer ante o maxistrado-, por formar presuntamente parte do comité estratéxico que deseñou a folla de ruta independentista.

Comentarios