Detido un escolta do alcalde de Bilbao nunha operación contra a droga

O axente da Policía local atópase en situación de liberdade sen fianza e con cargos despois do operativo

A Garda Civil detivo a un policía municipal que desempeñaba funcións de escolta persoal do alcalde de Bilbao, Juan Mari Aburto, no marco dunha operación contra o tráfico de drogas.

Aburto informou este martes desta detención e sinalou, en declaracións aos medios de comunicación, que a Garda Civil informouno persoalmente o pasado venres desta operación antidroga "de natureza importante", na que estaría "involucrado" o escolta, aínda que non lle facilitou máis detalles sobre o seu grao de implicación.

O axente da Policía local atópase en situación de liberdade sen fianza e con cargos, e cando o Concello teña coñecemento da acusación "iniciará o proceso administrativo que corresponda" en relación co axente, que actualmente non está a traballar.

O detido realizaba labores de escolta persoal desde hai seis anos, cos tres últimos alcaldes de Bilbao, Aburto, Ibon Areso e Iñaki Azkuna.

No aspecto persoal, o alcalde manifestou que se trata "dun momento especialmente duro" e que, aínda que non quería vulnerar o principio de presunción de inocencia, a detención do seu escolta foi "unha enorme e desagradable sorpresa", xa que nunca tivera "nin a máis mínima sospeita" sobre este axente, "nin problema ningún como policía municipal nin como escolta".

Expresou o seu desexo de que este asunto se aclare pronto, "sexa cal for o resultado" e que a Xustiza determine canto antes a culpabilidade ou inocencia do escolta.

Comentarios