Continúan os arrestos

Detido o secretario xeral de Manos Limpias por presunta extorsión

A detención de Miguel Bernard prodúcese no marco dunha investigación que pesa sobre o pseudosindicato e Ausbanc, cuxo presidente foi arrestado en Atocha cando regresaba da Feira de Abril. Presuntamente esixían diñeiro a empresas, bancos e institucións coa ameaza de presentar querelas se non accedían as súas demandas
Fotografía de archivo del secretario general del sindicato de funcionarios Manos Limpias, Miguel Bernard
photo_camera Fotografía de archivo del secretario general del sindicato de funcionarios Manos Limpias, Miguel Bernard

A Policía Nacional detivo na mañá deste venres ao secretario xeral do sindicato de funcionarios Manos Limpias, Miguel Bernard, dentro da investigación que leva a cabo a Audiencia Nacional por supostas prácticas de extorsión a bancos, empresas e institucións.

Na operación tamén foi detido o director de comunicación deste sindicato, Francisco Castro Villacañas, segundo informaron fontes da investigación.

As detencións foron practicadas nos domicilios de ambos por axentes da Unidade de Delincuencia Especializada, no marco da investigación da supostas prácticas que cometería esta organización e a Asociación de Usuarios de Servizos Bancarios (Ausbanc), cuxo presidente, Luis Pineda, foi arrestado este venres en Atocha cando regresaba en Ave da Feira de Abril de Sevilla. 

Está previsto que se produzan máis arrestos e estase realizando un rexistro na sede de Manos Limpias na rúa Ferraz de Madrid

As fontes indicaron que está previsto que se produzan máis arrestos e que se está realizando un rexistro na sede de Manos Limpias na rúa Ferraz de Madrid.

A Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía investiga a Manos Limpias e a Ausbanc por un posible delito de extorsión a bancos e empresas.

O xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz dirixe as pescudas, abertas tras a presentación de varias presuntas vítimas da trama.

A Policía sospeita que ambos os colectivos se coordinaban para esixir diñeiro a empresas, bancos e institucións coa ameaza de presentar querelas se non accedían ás súas demandas.

A investigación afecta o presidente de Ausbanc, Luis Pineda, e ao secretario xeral de Manos Limpias, quen poderían desviar o diñeiro obtido a empresas filiais.

Manos Limpias afronta outra querela presentada pola Fiscalía nun xulgado de Madrid contra o seu secretario xeral e unha avogada do sindicato, Virginia López, por suposto delito de apropiación indebida de 108.000 euros pola contratación duns servizos profesionais a unha plataforma de afectados da estafa no investimento de selos de Fórum-Afinsa.

Precisamente, Ausbanc foi expulsada dese procedemento pola Audiencia Nacional ao considerar que incorría en "fraude procesual", pois se acudiu como acusación popular pero defendeu publicamente a legalidade das dúas empresas tras recibir, directa ou indirectamente, 1,2 millóns de euros desas compañías intervidas.

Comentarios