Desarticulan unha rede de tráfico de drogas, tras incautarlle unha tonelada de cocaína disolta en aceite de palma

A Garda Civil, baixo a coordinación de Europol, desarticulou unha banda internacional integrada por cidadáns españois, marroquís e albaneses, dedicada ao tráfico de cocaína e haxix, nunha operación na que se incautou de 1.000 quilos de cocaína disolta en 13 toneladas de aceite de palma.

Na operación Salónica foron detidas 16 persoas en España e outras seis en varios países europeos.

As investigacións iniciáronse o pasado mes de outubro cando a unidade de Policía Xudicial da Garda Civil de Tarragona tivo coñecemento da existencia dunha organización de narcotraficantes de ámbito internacional asentada en España.

Unha das ramas da organización dedicábase ao cultivo de marihuana e outra á obtención de haxix por distintas vías, á vez que se negociaba cos cárteles colombianos a compra de cocaína a gran escala.

Ao comezo da investigación, o pasado mes outubro, incautouse un quilo de cocaína e 29 de marihuana, e conseguiuse identificar e desarticular a rama encargada do cultivo e distribución desta droga, e que contaba con varios invernadoiros.

Posteriormente sóubose que a banda introducía tamén importantes cantidades de cocaína procedente de Colombia oculta en colectores, principalmente a través do porto de Anveres (Bélxica).

Nun dos seguimentos realizados pola Garda Civil, os axentes pescudaron que un dos xefes da organización preparaba o envío dun alixo de cocaína oculto nun colector de aceite de palma, que partiría desde Colombia cara ao porto de Anveres, onde se ultimarían os detalles da compravenda.

Grazas á colaboración da policía belga, púidose localizar un colector con 13 toneladas de aceite de palma, no que ía disolta unha importante partida de cocaína.

Iniciouse entón un seguimento discreto do cargamento, que atravesou sete países europeos ata que chegou a Albania, destino final do alixo de droga.

Neste país detívose aos integrantes da organización encargados de realizar o tratamento químico para extraer a cocaína do aceite de palma.

De forma paralela, tamén se detivo a dous camioneiros que colaboraban coa rede transportando haxix desde España a Italia e Holanda.

A operación permanece aberta e non se descartan novas detencións.

Comentarios