Denunciada por ''acoso'' a PAH asturiana

A deputada nacional do PP por Asturias Carmen Maniega presentou hoxe unha denuncia na Comisaría de Policía de Avilés contra o acoso que asegura que está a recibir de membros da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) do Principado.

A deputada avilesina xa puxo en coñecemento da Policía Nacional varios episodios de acoso deste movemento contra os desafiuzamentos e hoxe ratificou formalmente a súa denuncia por entender que non se pode pasar por alto esta situación.

Pola súa banda, a PAH asturiana negou hoxe haber coaccionado, acosado, insultado ou ameazado "en ningún momento" á deputada. A PAH explica que a súa campaña "só pretende informar os deputados que dixeron que votarán non á iniciativa lexislativa popular (ILP) -presentada para modificar a Lei Hipotecaria- da realidade diaria á que se enfrontan os miles de afectados os desafiuzamentos ilegais".

Maniega explicou a Efe que a pasada semana foi perseguida por un grupo de activistas á saída dunha reunión de Federación Asturiana de Concellos "ao berro de asasina, criminal e lercha". Os activistas perseguírona durante máis dunha hora polas rúas de Oviedo ata que tivo que pedir axuda á Policía para poder entrar nun taxi, segundo explicou a parlamentaria do PP.

Noutra ocasión o acoso foi na sede do PP de Avilés á que acudira cun dos seus fillos. "Cando xa os nosos familiares ven involucrados neste tipo de protestas temos que presentar a denuncia porque non podemos pasar esta situación por alto, pois nos asaltan con coaccións", denunciou Carmen Maniega.

A este respecto, a PAH asegura que Carmen "Maniega en ningún momento acudiu a ningunha reunión das múltiples ás que foi invitada".

A parlamentaria asegurou que é vítima, do mesmo xeito que outros compañeiros de escano, dun método consistente en perseguir a cargos públicos e acusalos de determinadas responsabilidades políticas. "Isto facíase na ditadura de Arxentina e non ten ningunha similitude co que está a suceder en España", subliñou a parlamentaria.

AMEAZAS TAMÉN EN CATALUÑA
Neste mesmo sentido, hoxe coñécese que o PPC estuda emprender accións legais contra a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) en Cataluña por presuntas "coaccións" e "ameazas" a tres dos seus deputados, segundo anunciou hoxe en rolda de prensa a presidenta deste partido, Alicia Sánchez-Camacho.

A líder do PPC referiuse así ás presuntas "ameazas de morte" das que foi obxecto a deputada do PPC por Xirona no Congreso Concepción Veray, e aos supostos casos de ''acoso" nos domicilios particulares dos parlamentarios por Barcelona na Cámara Baixa María Ángeles Esteller e Antonio Gallego que, na súa opinión, poderían ser constitutivos de delito. Sánchez-Camacho explicou que os servizos xurídicos do seu partido están a analizar estes tres casos ante a posible interposición dunha demanda contra a PAH.

A dirixente do PPC avanzou, así mesmo, que o seu partido remitiu unha nota ao conseller de Interior, Ramón Espadaler, na que lle informan de agresións a sedes e persoas do seu partido, aínda que precisou que aínda non obtiveron resposta da consellería. Sánchez-Camacho xulgou estes feitos como "gravísimos". "Os políticos temos responsabilidades, pero os domicilios e as familias son sacros", opinou.

A dirixente do PPC, que defendeu a liberdade de expresión e as protestas lexítimas, precisou, no entanto, que estas non poden exercerse sobre a base de ''coaccións" e "insultos". Por iso, instou á PAH da comunidade catalá a retirar a súa campaña contra os membros do seu partido, á vez que lles ofreceu "diálogo".

Comentarios