Catro Comunidades piden a Wert que se aprace un ano a implantación da Lomce en ESO e BAC

Andalucía, Cataluña, Asturias e Canarias esixiron hoxe ao ministro de Educación, José Ignacio Wert, que aprace un ano a implantación da Lomce en ESO e Bacharelato prevista para o curso 2015-2016 e advertiron de que non poderán ter listos os desenvolvementos curriculares no prazo establecido. Pola súa banda, a secretaria nacional de Educación do PP, Sandra Moneo, apelou hoxe á responsabilidade dos citados gobernos e considerou que a aplicación da reforma "é cuestión de vontade política, non de tempo".

En rolda de prensa conxunta no Congreso dos Deputados, responsables de Educación destas catro comunidades, que representan a máis de 50 por cento do alumnado non universitario, criticaron a aprobación, o pasado 26 de decembro en Consello de Ministros, do real decreto que regula o currículo básico de ESO e Bacharelato e cuxo contido din ignorar.

"A día de hoxe, os conselleiros das comunidades non coñecemos o documento base sobre o que temos que traballar", lamentou a conselleira de Educación e Cultura de Asturias, Ana González, que subliñou que son as autonomías quen teñen que aplicar a lei e preparar o desenvolvemento curricular.

Pola súa banda, fontes do Ministerio de Educación sinalaron a Efe que este departamento leva meses traballando para elaborar tanto os reais decretos como o desenvolvemento curricular e facilitar así as cousas ás CCAA.

Educación elaborou o desenvolvemento curricular da ESO e Bacharelato para Ceuta e Melilla, de tal xeito que -explicou un portavoz do Ministerio- aquelas comunidades que consideren que non teñen tempo suficiente, poidan aplicalo nas súas rexións.

"Non ten sentido que digan que nos lles dá tempo cando coa Lomce están a aprobarse os desenvolvementos curriculares antes que con Loe", subliñou un portavoz do Ministerio.

"Este Goberno está a sacar os desenvolvementos curriculares antes do que o fixeron na pasada lexislatura, de maneira que non están xustificadas as súas críticas de falta de tempo", destacou.

Desde o Ministerio de Educación aseguraron que se seguiu o mesmo proceso que con todos os reais decretos. "Houbo un texto que levou á Conferencia Sectorial -o pasado mes de xullo- que estivo en información publica, pasou ao Consello de Estado e posteriormente ao Consello de Ministros".

Con todo, os representantes de Andalucía, Cataluña, Canarias e Asturias criticaron que non coñecen o contido deste real decreto, senón que contan con varios borradores distintos e que terán que esperar ata a Conferencia Sectorial do próximo 14 de xaneiro "coas normas aprobadas".

"Non sabemos cal é o borrador definitivo", lamentou a directora xeral de Secundaria e Bacharelato da Consellería de Educación de Cataluña, Teresa Pijoan, quen subliñou que todas as consultas que se fixeron ás CCAA no seo da Conferencia Sectorial foron "unha xustificación dos trámites legais".

Estas comunidades advertiron a Wert de que non teñen tempo suficiente para aplicar a lei da que -sinalaron- non contan con garantías suficientes de que vaian dispor dos recursos económicos necesarios para a súa implantación.

"Estamos ante unha situación que convén que se lle dea unha pensada porque esta lei vai ser derrogada e lle queda o que queda ao PP no Goberno", advertiu o conselleiro de Educación de Canarias, José Miguel Pérez.

Comentarios