Cs apoiará a última prórroga do estado de alarma tras pactar co Goberno

O Executivo comprométese a levar a cabo seis medidas propostas pola formación laranxa
Sánchez y Arrimadas, en una imagen de archivo. AEP
photo_camera Sánchez e Arrimadas, nunha imaxe de arquivo. AEP

Cs votará este mércores a favor da sexta prórroga do estado de alarma tras chegar a un acordo co Goberno de Pedro Sánchez que garante que as medidas do decreto desta última prórroga serán "idénticas" na recta final da desescalada sexa cal for a progresión sanitaria de cada comunidade. 

Esta é unha das medidas recollidas no acordo subscrito por ambas as partes, segundo senllos comunicados remitidos polo Goberno e Cidadáns. 

Aínda que o partido laranxa non era indispensable para sacar adiante a votación de mañá debido á abstención de ERC e os votos a favor do PNV, defendeu que votaría con sentido da coherencia e independentemente do que fixesen os outros grupos. 

Co acordo, tanto o Goberno como Cidadáns ratifican a súa coincidencia en manifestar que é necesaria unha última prórroga de 15 días do estado de alarma. 

Ademais de garantir a igualdade das medidas en todas as comunidades, ambas as partes pactaron que o Goberno presente antes do 15 de xuño un novo real decreto lei que regule a saída do estado de alarma para os territorios que a alcancen. 

Tamén deberá analizar as reformas legais precisas para dispor dun mecanismo alternativo que permita protexerse ante eventuais rebrotes dos contagios por coronavirus sen necesidade de acudir de novo ao estado de alarma. 

O Goberno comprometeuse a contar con todas as comunidades "en pé de igualdade" no marco no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para analizar o marco xurídico necesario que garanta unha saída ordenada do estado de alarma e a xestión da pandemia. 

Ademais aprobará antes do día 15 un plan de reactivación do sector turístico dotado de 2.500 millóns de euros de liñas de avais Ico para garantir a liquidez do sector. 

A esa cantidade sumaranse outros 151 millóns de euros en investimento na transformación e dixitalización do sector, que incluirá o reforzo de destinos intelixentes e sostibles, así como programas de formación para empresas, negocios e traballadores. 

O acordo permitirá aos contribuíntes e aos seus representantes relacionarse coa Axencia Tributaria a través de sistemas dixitais como a videoconferencia. 

Comentarios