Cospedal, a Aguirre: ''Non teño nada de divina''

A secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, defendeu hoxe que o seu partido elixa en Andalucía ao "candidato ou candidata" que "vaia ter os mellores resultados" nas próximas eleccións autonómicas.

Cospedal tamén asegurou, nunha entrevista en Antena 3, que neste asunto non vai haber unha "decisión salomónica", e a intención do partido "é que se presenten" a este proceso quen poden "ter posibilidades" de optar o liderado do PP andaluz.

"Eu non teño nada de divina", dixo Cospedal ao ser preguntada por un comentario que fixo onte a líder do PP madrileño, Esperanza Aguirre, en Twitter, ao referirse ao PP andaluz, cando dixo que a militancia é quen debe elixir ao candidato que cre que pode conseguir máis votos e espetou: "Xa está ben de tanto dedo divino".

A "número dous" dos populares dixo non compartir esta idea de Aguirre porque "non é verdade" e porque o PP é "un partido con procedementos democráticos".

Non quixo Cospedal confirmar se o secretario xeral do PP andaluz, José Luís Sanz, é a persoa que ela quere que suceda a Juan Ignacio Zoido á fronte da organización fronte a outras opcións que poida defender o vicesecretario Javier Arenas, e insistiu en que "non é un tema de candidatos ou candidatas" ou de que vaia haber unha "decisión salomónica".

"Os partidos non funcionan así", asegurou Cospedal, quen doutra banda subliñou que só se necesitan noventa avais para poder presentar a candidatura a liderar o PP andaluz, e recordou que hai un prazo aberto para "todos" na organización.

Comentarios