Correa sinala a Rajoy: "Creo que daba o 'ok' aos gastos de campaña do PP"

"Cando todo isto acabe, danme dúas coca colas zero e estou 28 horas", dixo o presunto xefe da trama Gürtel na comisión de investigación do Congreso

Correa compareció por videoconferencia en la comisión de investigación. JAVIER LIZÓN
photo_camera Correa compareció por videoconferencia en la comisión de investigación. JAVIER LIZÓN

O considerado xefe da trama Gürtel, Francisco Correa, apuntou ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, como o cargo do PP que desde a Secretaría Xeral do partido "daba o OK" a todos os gastos de campaña e ordinarios en toda España.


"Cal era o papel do secretario xeral na aprobación dos gastos de campaña e gastos ordinarios", preguntoulle o deputado de Podemos Txema Guijarro a Correa na comisión de investigación no Congreso sobre o financiamento irregular do PP, ao que o comparecente respondeu: "Eu creo que el daba o ok".

"Cando todo isto acabe, danme dúas coca colas zero e estou 28 horas"


E á pregunta de se lle constaba que era Rajoy quen aprobaba eses gastos contestou: "Penso que si", antes de mostrarse convencido de que hai unha "trama PP" máis que unha "trama Correa".

ALTANERÍA. Correa, cunha actitude chulesca, asegurou na comisión que "cando todo isto acabe [en referencia aos seus procesos xudiciais] non terá ningún inconveniente en estar 28 horas diarias, danme dúas coca colas zero e estou 28 horas".


O xefe da Gürtel, que leva case un ano na prisión madrileña de Valdemoro tras ser condenado a 13 anos de cárcere polo caso Fitur, alegou ao comezo da súa comparecencia por videoconfencia na comisión que non quere prexudicar a súa estratexia de defensa nos procedementos xudiciais que lle afectan.


"Non lles quero facer perder o tempo", destacou Correa, antes de lembrar aos deputados que, na súa opinión, no xuízo celebrado na Audiencia Nacional sobre a trama Gurtel no PP da Comunidade Valenciana "quedou xa moi claro" tanto pola súa declaración como polas manifestacións de dez empresarios.


Eses empresarios, continuou, xa contaron "como nos pagaban as campañas electorais o PP de Valencia".


Aínda que iniciou a súa comparecencia nun ton receptivo, a primeira intervención do deputado do PSOE, Artemi Rallo, provocou momentos de tensión entre ambos pola negativa de Correa a responder a asuntos nos que, argumentou, xa respondeu en sede xudicial.
 

Comentarios