Os contaxios seguen crecendo en España: 628 nas últimas 24 horas

A cifra de novos infectados por coronavirus, similar ás rexistradas a comezos de maio, é a máis alta desde o fin do estado de alarma
Profesionales se desinfectan tras realizar pruebas PCR en Barcelona. EFE
photo_camera Profesionais sanitarios desinféctanse tras realizar probas PCR en Barcelona. EFE

O Ministerio de Sanidade notificou este venres 628 novos contaxios de coronavirus detectados nas últimas 24 horas, a cifra máis alta desde o fin do estado de alarma e similar ás rexistradas a comezos de maio. Así as cousas, elévanse a 5.965 os casos diagnosticados nos últimos sete días. 

Aragón é a comunidade con máis casos nas últimas 24 horas (252), seguida de Cataluña (212), Madrid (40) e Andalucía e o País Vasco (39 en cada unha). En Galicia son 10.

Un día máis, a cifra de infeccións sobe, ao contabilizarse 48 máis que o xoves. Só Ceuta e Asturias non rexistraron novos casos. O balance de Sanidade indica que nestes últimos sete días morreron dez persoas: catro en Castilla-La Mancha, dúas en Madrid e unha en Castilla y León, Cataluña, Navarra e País Vasco. Así, o total de falecidos desde o comezo da pandemia sitúase en 28.420, catro máis que os contabilizados polo Ministerio de Sanidade este xoves. 

Destaca o incremento de contaxios detectados na última semana, que case se duplicaron con respecto aos rexistrados o venres da semana pasada: 5.965 fronte a 2.944. 

Nos últimos sete días morreron dez persoas por coronavirus

Cataluña e Aragón reúnen máis da metade deses casos da última semana, 2.880 e 1.004, respectivamente, e xa a gran distancia figuran Madrid (338) e Andalucía (330). No outro extremo, Asturias con cinco positivos, Melilla con tres e Ceuta con un nos últimos sete días, son os territorios con mellores datos. 

Estes datos implican unha nova subida da taxa de incidencia acumulada —casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes—, que no conxunto de España situouse en 12,11 fronte ao 10,9 do xoves, e que se dispara ata o 76,1 en Aragón, ao 37,5 Cataluña e ao 28,28 en Navarra. 

Os datos publicados este venres polo ministerio non só mostran unha subida dos casos diagnosticados, tamén das hospitalizacións. Nos últimos sete días ingresaron 228 persoas —32 máis que o xoves—, das que 45 foron hospitalizadas en Aragón, 43 en Madrid, 33 en Cataluña, 25 en Castilla-La Mancha e 18 en Andalucía. 

Desde o inicio da pandemia rexistráronse un total de 260.255 contaxios de coronavirus en España, dos que 52.746 corresponden a profesionais sanitarios. 

Comentarios