Consumo alerta de presenza de fragmentos metálicos en varios lotes de galletas

Os lotes retirados foron vendidos en Aldi e Lidl 
biscuit-1832917_1280
photo_camera Galletas con chocolate. PIXABAY

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), dependente do Ministerio de Consumo, alertou de posible presenza de fragmentos metálicos en varios lotes de galletas con chocolate, concretamente as Cookies Aux Trois Chocolats, da marca Arizona de venda no Aldi, e Grandino triplo chocolate, da marca McEnnedy, e Nougatelli, da marca Sondey, ambas de venda en Lidl. 

A AESAN tivo coñecemento a través da Rede de Alerta Alimentaria Europea (RASFF) dunha notificación de alerta trasladada polas autoridades sanitarias de Países Baixos. As empresas distribuidoras retiraron os produtos da venda, e recomendan ás persoas que teñan no seu domicilio os produtos incluídos nesta alerta abstéñanse de consumilos. 

As galletas comercializadas por Aldi son Cookies Aux Trois Chocolats de Arizona Aspecto en envase plástico, e o lote afectado é 2334710 con data de consumo preferente de 11/09/2024. Mentres que as do Lidl son 'Nougatelli' de McEnnedy en envoltorio plástico con lote 2059315 e data de consumo preferente do 10/12/2024, e 'Grandino triplo chocolate' de marca Sondey en envoltorio plástico, co número de lote 20706999 e data de consumo preferente de 12/12/2024. 

Segundo a información dispoñible, a distribución inicial realizouse a través de establecementos das cadeas Aldi e Lidl nas comunidades autónomas de Andalucía, Cataluña, Canarias, Comunidade Valenciana, Madrid, Murcia, Galicia e País Vasco, aínda que non é descartable que poidan existir redistribucións a outras comunidades autónomas. 

Comentarios