Condenan a un pai que losqueou á súa filla por vestir unha camiseta de tirantes

Os feitos rexistráronse en Melilla. O home ameazou á moza con enviala a Marrocos: ""Alí si que te vas vestir con pano", advertiulle

Un pai foi condenado a seis meses de prisión, aínda que non terá que ingresar no cárcere, e a dous anos de afastamento da súa filla por losqueala por "pecadora" ao vestir unha camiseta de tirantes.


O home foi condenado por un xulgado da cidade por dar labazadas na rúa e na casa á súa filla, que o denunciou o mes pasado e á que non poderá achegarse a menos de douscentos metros, segundo publica hoxe El Faro de Melilla.

O xuízo celebrouse este xoves no Xulgado do Penal número 2 de Melilla por feitos que ocorreron o pasado 29 de maio e que recoñeceu o acusado.

O pai foi condenado por un delito de lesións no ámbito familiar, aínda que non ingresará en prisión por non ter antecedentes penais e abonar a multa que se lle reclamaba en concepto de responsabilidade civil.

O home circulaba en coche polo polígono industrial da cidade cando ao ver á súa filla baixouse do vehículo e deulle varias labazadas ao recriminarlle a forma en que vestía, ademais de chamar á súa muller para dicirlle que sacase de casa a roupa da súa filla.

"Converteuse ao cristianismo, tivemos mala sorte", díxolle o pai, segundo os feitos relatados no xuízo.

A continuación, levou a moza a casa, onde a volveu a agredir entre berros de "pecadora, vas arder no inferno", e ameazas de que non sairía de casa mentres estivese en Melilla e de que a enviaría ao veciño Marrocos, relata o diario.

"Alí si que te vas vestir con pano", advertiu o home, en referencia á peza coa que cobren o pelo mulleres musulmás. 

Comentarios