Condenado Alfonso Rojo por vulnerar o dereito á honra do avogado Gonzalo Boye

A Audiencia de Madrid estima parcialmente un recurso do letrado e subliña que se sobrepasaron os límites da liberdade de información con algunhas expresións
Alfonso Rojo. YOUTUBE
photo_camera Alfonso Rojo. YOUTUBE

A Audiencia Provincial de Madrid condenou a Alfonso Rojo e o medio que dirixe, Periodista Digital, a indemnizar con 5.000 euros por intromisión ilexítima na honra e na propia imaxe de Gonzalo Boye, avogado, entre outros, de Carles Puigdemont.

A Audiencia de Madrid estimou parcialmente o recurso presentado polo propio Boye contra a sentenza que ditou un xulgado en primeira instancia, que absolveu os demandados.

Agora, o tribunal corrixe esa resolución e, ademais da indemnización, establece que o xornalista e o medio deben publicar durante unha semana na portada da súa páxina web e nos seus perfís de Twitter e Facebook o encabezado e a parte dispositiva da nova sentenza.

A xuízo da Audiencia Provincial, aínda que o avogado teña unha innegable proxección pública e aínda que sexa certo que foi condenado polo secuestro de Emiliano Revilla por parte de Eta, as continuas referencias a aquela sentenza nas publicacións de Periodista Digital e a reiterada cualificación como "etarra" ou "exetarra" ou apelativos como "impresentable perigoso", "elemento tan criminal", "facineroso", "gentuza" ou "sucio e inmoral carcelero" exceden os límites da liberdade de información.

Aínda que se trate de noticias de certa relevancia pública, neste caso "debe prevalecer o dereito á honra do actor", porque, como establece a xurisprudencia do Supremo, os xornalistas "non gozan dun dereito a insultar, humillar e escarnecer, tampouco no caso de que o destinatario do insulto ostente un cargo público e os insultos se realicen con ocasión de polémicas de carácter político".

Comentarios