Conde-Pumpido defende a actuación xudicial contra o semanario 'El Jueves'

O debate sobre o polémico 'secuestro' ordenado pola Audiencia Nacional contra o último número da revista El Jueves trasladouse hoxe a Ourense durante a axenda de actos do ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo, e o Fiscal Xeral do Estado, Cándido Conde-Pumpido.

O Fiscal, quen ordenou en primeira instancia que a Audiencia actuase contra a revista por amosar na súa portada unha escena sexual entre os Príncipes de Asturias, insiste en que a caricatura é "infamante e inxuriosa" e incurre "nun feito delitivo".

'A lexislación ten que intervir'
O Fiscal do Estado indicou na súa visita a Santo Estevo de Ribas do Sil, en Ourense, que "calquera observador imparcial que valore a portada observará que é manifestamente inxuriosa" para as persoas afectadas. Pumpido segue a soster que a publicación da caricatura supuxo un "abuso manifesto"  e que "a lexislación ten que intervir dende o momento en que resulta delitivo usar a imaxe do herdeiro da Coroa de xeito inxurioso".

Conde-Pumpido defendeuse das numerosas críticas verquidas contra a actuación xudicial, que cualificou de correcta, e reiterou que a revista contiña “uns debuxos e unhas expresións que non eran necesarias pola súa grosería" para a mensaxe que se quería transmitir.

Pola súa banda, o ministro de Xustiza manifestou o seu respecto ás decisións dos xuíces ao sinalar que "o Goberno ten por norma non opinar sobre as decisións xudiciais e non o vai facer agora".

Evitar que se visualice
O Fiscal estatal explicou que o secuestro da publicación responde á necesidade de "reducir no posible a continuidade do delito", alegando que se a portada é delitiva debe ser retirada da circulación para "evitar que se visualice e continúe producindo o seu efecto".

Neste sentido numerosas voces dubidan da efectividade da decisión xudicial. A orde de retirada dos quioscos ditouse o venres, cando xa se levaban vendidos numerosos exemplares dende que o mércores a revista El Jueves se puxese á venda. Ademais, a decisión xudicial provocou que moitas persoas acudisen en masa aos quioscos, e se fixesen co polémico exemplar antes da actuación policial.

A isto hai que engadir que ata última hora do día, a web da revista continuaba operativa e a portada prohibida difundiuse como un regueiro de pólvora por xornais, webs e blogs. Dende numerosos sitios continúanse a manifestar apoios á publicación e críticas á decisión xudicial e nacen "ciberaccións" destinadas a difundir a capa da revista.

Comentarios