Chaves e Zarrías fan entrega das súas actas

Pedro Sánchez asegura que co seu xesto "están a facerlle un servizo ao PSOE ao asumir en primeira persoa a súa responsabilidade política". Sostén que a actitude de Viera o "avergoña"

O líder socialista e candidato á presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, dixo que, coa súa renuncia esta mañá aos seus escanos, Manuel Chaves e Gaspar Zarrías "están a facer un servizo ao PSOE de asumir en primeira persoa a súa responsabilidade política" no caso dos ERE de Andalucía.

Sánchez, que se referiu a este asunto nunha entrevista en La Sexta pouco despois de que ambos rexistrasen formalmente a súa dimisión, comparou esa actitude coa do terceiro deputado inculpado, José Antonio Viera, do que asegurou que sente "avergoñado".

Para Sánchez, Viera traizoou a confianza de moitos militantes" socialistas ao negarse a devolver a súa acta de deputado e está "a danar" ao partido polo que foi elixido.

O líder socialista, que pediu "perdón aos cidadáns por este mal exemplo dun deputado elixido coas siglas do PSOE", que se pasou ao grupo mixto, mostrouse partidario de "eliminar os aforamentos" para facer fronte a ese tipo de casos.

Tamén quixo subliñar que Chaves e Zarrías están imputados por presunta prevaricación administrativa, "non por terse enriquecido nin enriquecer a terceiros".

Sánchez explicou que o venres pasado falou co expresidente andaluz Manuel Chaves e que este lle informou de que hoxe el e Zarrías farían efectiva a súa renuncia.

Tras recoñecer que foi "duro" para el "desde o punto de vista persoal" pedir a acta a un histórico como Chaves, asegurou que iso é secundario" respecto do seu compromiso coa rexeneración democrática, en virtude do cal, tanto el, como a presidenta andaluza, Susana Díaz, dixeron que no momento en que fosen inculpados polo Supremo os afectados terían que dimitir.

Comentarios